RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fernando Vázquez: "Trátase de fe, de estar co equipo, de unidade. Nestes momentos é o que necesitamos"

Fernando Vázquez manifestou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "ao equipo trasládolle orgullo polo que fixeron na segunda volta. A pesar de que sabiamos que era moi complicado, moi difícil, nada fácil. Incluso esta situación finalista posiblemente o 100 % dos afeccionados do Dépor asinárona alá polo mes de xaneiro".

Subliña que "fixemos unha segunda volta extraordinaria pero cometemos algún erro, algún fallo importante. Pero no conxunto xeral, non hai nada que dicirlle ao equipo. E nese equipo creo. Se fomos capaces de vencer partidos importantes contra grandes equipos, ¿porqué non imos gañarlle ao CF Fuenlabrada? Trátase de fe, de estar co equipo, de unidade. Nestes momentos é o que necesitamos. Non necesitamos desconfianza, escusas, nada de nada. Necesitamos unión. Todos xuntos. O equipo está súper responsabilizado, sabe que representa, a quen representa. O adestrador tamén. Se conseguimos gañar este partido e salvámonos os xogadores serán heroes. Sabemos que se non o conseguimos, temos que asumir a nosa responsabilidade".

Advírtelle ao deportivismo que "o equipo e o adestrador están enteiros, confiados en conseguir unha vitoria. Cremos que se a conseguimos, salvarémonos".

A pesar de que "non dependemos de nós, a nosa situación non cambiaría. Se dependésemos de nós teriamos que gañar o partido. E como non dependemos de nós, tamén temos que gañar o partido. Temos que gañar o partido de todas todas. Niso estamos, a gañar o partido. Unha vez gañado, teremos que mirar que pasou noutros campos. E considero que temos certas opcións se cumprimos ben o noso traballo".

A nivel persoal, asegura estar "súper enteiro, súper lúcido. Algunha xente quere dicir que estou de psiquiatra. Eu digo como din os Riazor Blues: 'o que non crea que polo menos non entorpeza'. Pero dubidar da miña profesionalidade, do meu estado de ánimo non leva a ningún sitio. Atópome pleno de forza e pleno de seguridade".

Do rival, o CF Fuenlabrada, que cun empate clasificaríase para o playoff de ascenso, vaticina o técnico deportivista "un equipo como non atopamos nunca na categoría, que nos espera. Vai ser diferente ao que nos atopamos até agora".