RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Final do primeiro mes nas catro sedes da Escola RC Deportivo, inscricións permanentemente abertas

A Escola RC Deportivo pechou o seu primeiro mes de actividade a pasada semana con marca de participación, chegando aos 175 nenos e nenas entre todas as sedes. Este ano, por primeira vez, xunto coa da Coruña en Alvedro, arrincaron as actividades en Caranza, Boiro e Bertamiráns, en colaboración co Galicia de Caranza, as EFM Boiro e o Bertamiráns FC, respectivamente.

Durante as sesións aplícase un estrito protocolo fronte á COVID-19, con grupos moi reducidos, metodoloxía adaptada e priorizando a seguridade e diversión de todos os alumnos e alumnas participantes. Todos os adestramentos están coordinados e programados baixo a supervisión de adestradores do RC Deportivo.

Na Escola RC Deportivo respírase deportivismo e está orientada á práctica do fútbol para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos, independentemente do seu nivel de práctica e cara a unha educación en valores moi importantes como son o respecto polo rival, os compañeiros, a amizade e o esforzo, entre outros.

A participación mínima é un mes e as inscricións atópanse abertas durante todo o curso, até xuño. Poden inscribirse para calquera das sedes e consultar toda a información na páxina oficial http://escola.rcdeportivo.es/ ou escribir para calquera dúbida ou consulta na dirección de correo electrónico escola@rcdeportivo.es

A organización da Escola RC Deportivo quere agradecer a todas as familias a confianza depositada para a formación das súas fillas e fillos a pesar da difícil situación actual.