RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Fontela, futbolista do Dépor 1948-1949, faleceu aos 98 anos

Fontela, no centro, entre Paseiro e Guimeráns, nun partido en Riazor

Juan Fontela Leal, futbolista do Deportivo durante a Temporada 1948-1949, faleceu onte xoves 14 de setembro aos 98 anos de idade.

Fontela, nacido o 22 de xullo de 1919 en Ferrol, pertenceu durante practicamente toda a súa carreira ao Racing de Ferrol, equipo co que disputou 7 campañas na categoría de prata do fútbol nacional.

Na campaña 1948-1949, o defensa ferrolán recibiu a chamada do Deportivo, co que puido estrearse en Primeira División. Fontela disputou un total de 11 partidos (9 de Liga e 2 de Copa) coa camiseta branquiazul.

Fontela formou parte dun gran elenco de incorporacións no verán de 1948, no que tamén chegaron ao Dépor xogadores da talla de Cheché Martín, Dieste, Juanete e os arxentinos Ponce e Rafael Franco, que serían vitais na campaña seguinte, a 1949-1950, na que os branquiazuis alcanzaron o subcampeonato de Primeira División.

Fontela debutou co Dépor o 10 de outubro de 1948, nunha derrota deportivista ante o Atlético de Madrid (4-0) no Estadio Metropolitano. Os branquiazuis, dirixidos por Gabriel Andonegui, formaron con Acuña; Fontela, Ponte, García; Guimeráns, Carlitos; Martín, Juanete, Otero, Rafael Franco e Marquínez. O Deportivo acabou aquel curso na décima posición, só un punto por riba dos postos de descenso a Segunda.

O último encontro de Fontela como deportivista foi en Riazor, ante a Valencia (0-1), nos oitavos de final da Copa de España (eliminatoria a partido único), o 24 de abril de 1949.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e ex compañeiros de Fontela. DEP.