RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gaku advirte que este domingo "o primeiro é non recibir goles; e xogar como bloque, como equipo, do mesmo xeito que en Cádiz"

Gaku Shibasaki pasouse este mediodía pola sala de prensa da Cidade Deportiva de Abegondo, acompañado polo tradutor Daisuke Ito.

Asegura sentirse a gusto na Coruña, após estes primeiros meses defendendo a camiseta branquiazul: "Gústame a cidade, é cómoda para vivir. Para xogar ao fútbol é un ambiente perfecto".

A pesar da situación clasificatoria do equipo en Segunda após deixar o Getafe CF en Primeira, "non teño dúbidas (por vir ao Dépor). Non me arrepinto de elixir este camiño. Nunca na miña vida tíveno. Non teño dúbidas respecto dos meus compañeiros. O meu obxectivo segue sendo ascender. Traballamos en primeiro lugar para mellorar e chegar a ese obxectivo".

Advirte que non hai ningún problema co idioma á hora de entenderse cos seus compañeiros e cos técnicos. Para demostralo, respondeu el mesmo en castelán: "Sen problema na comunicación cos meus compañeiros. Entendo o que din e o míster tamén. Non teño moitas palabras, pero hai que falar cando teño que falar. Enténdoo todo".

A nivel persoal, confesa "non estar contento co meu rendemento. Penso que podo dar máis, e quero dar máis". Engade que "o rendemento do equipo tampouco é bo. Ninguén está contento. Temos que seguir traballando entre todos para mellorar".

Sobre a súa posición no campo, opina que pode xogar de interior, "pero como está a xogar o equipo, podo achegar máis no centro do campo. É un sitio adecuado para min e síntome máis cómodo".

Do resultado do pasado sábado no Estadio Ramón de Carranza de Cádiz, Gaku indica que o desexo do Dépor era gañar, "pero o campo e o rival foron complicados. O resultado, aínda que foi un empate, está ben. Temos que seguir traballando paso a paso".

Destaca que ante o cadro amarelo, "xogamos xuntos, como equipo, bloque. E non recibimos ningún gol. Iso é bo. A partir de aí podemos mellorar. Sempre quedo co lado positivo".

Explica que o Deportivo está por baixo do esperado na clasificación de LaLiga SmartBank debido a "varios factores. Houbo moitos cambios respecto da temporada pasada. Hai moitos xogadores novos e o último día de mercado incorporáronse máis. Pensabamos que en pretemporada nos preparamos ben, pero a competición é diferente. Aínda temos que madurar máis para dar mellor rendemento. Xogamos partidos e dámonos conta das cousas que facemos ben e as cousas que temos que mellorar".

Do encontro do próximo domingo 29 de setembro ante o CD Mirandés (21:00 horas, Movistar LaLiga 1) en ABANCA-RIAZOR, o internacional xaponés subliña que "gañar é o mellor medicamento para nós e para os nosos afeccionados. Non podo falar aquí da táctica e do que estamos a traballar no campo, pero o primeiro é non recibir ningún gol como o día do Cádiz e xogar como un equipo, como un bloque. En ataque, case todos os partidos marcamos. Nese aspecto queremos seguir nesta liña".