RCD / NOVAS

Gaku Shibasaki: "Penso que podo mellorar e quero mellorar máis"

20/02/2020 20:05

Gaku Shibasaki pasou esta mañá pola sala de prensa de Abegondo, acompañado polo tradutor Daisuke Ito. Iso si, promete aprender a falar galego e pide desculpas por non empregar tamén o castelán na súa comparecencia pública: "Non me afago nunha rolda de prensa. Nunha conversación ben".

O centrocampista branquiazul sostén que "o equipo está a pasar un bo momento. Quero que siga esta boa xeira. Desde que veu Fernando Vázquez estou a xogar. En cada partido hai cousas que mellorar, pero penso que podo mellorar máis e quero mellorar máis".

Opina que precisamente "o que me pide o míster está moi claro, entón o papel que teño está moi claro. Tanto en ataque como en defensa estou concentrado no meu papel e iso inflúe na mellora do equipo".

Define ao adestrador branquiazul como "filosófico e profesor. Desde o primeiro momento nunca me falou con palabras difíciles, complicadas e técnicas. Sempre se dirixiu a min con palabras sinxelas para poder ter claro os obxectivos que quere. Mostra a súa confianza en min polo seu comportamento e a súa conduta. Con iso bástame".

Ademais, asegura que lle agrada un xogador como Emre Çolak: "Gústame xogar á beira del. É un futbolista combinativo que a min me vén ben e iso está a axudar ao equipo".

Após recuperar a titularidade despois de varios partidos no banco, o internacional xaponés lembra que "nunha temporada hai momentos bos e malos. Nos adestramentos dábao todo para cando chegase o momento de participar", advirte.

Cre que é "natural" a reacción dos afeccionados neste tramo da temporada: "Ao principio estivemos a xogar mal. Se a afección está contenta é porque nós estamos a responder".

Confesa, tralo seu paso por Tenerife e Madrid, estar agora adaptado á vida en Galicia e á súa gastronomía: "Está moi ben. Aos xaponeses gustaríanos moito esta comida. Gustaríame promocionala".

Ademais, apunta que o encontro entre o Zaragoza e o Deportivo deste domingo 23 de febreiro (16:00 horas, #Vamos), "verano moitos xaponeses desde Xapón" por estar Kagawa no conxunto maño e Gaku no coruñés. "El é un dos futbolistas lendarios en Xapón. Respéctoo moito", engade.

Máis novas de: GAKU SHIBASAKI