RCD / NOVAS

Gaku xogou 90 minutos con Xapón e Montero non chegou a saltar ao céspede coa sub-21

14/11/2019 21:55

Dous xogadores do Dépor tiveron partido oficial hoxe xoves: Gaku e Montero. O terceiro futbolista branquiazul citado neste parón de seleccións, Lampropoulos, entrará en xogo mañá venres con Grecia.

Por este motivo, os tres xogadores deportivistas serán baixa este sábado 16 de novembro no Estadio Francisco de la Hera ante o Extremadura UD (16:00 horas, Movistar LaLiga).

Gaku foi titular con Xapón en Kirguizistán

Gaku Shibasaki está concentrado con Xapón para dous partidos neste mes de novembro.

O combinado nipón visitou a Kirguizistán hoxe xoves 14 no Estadio Dolen Omurzakov da capital Bishkek, en choque clasificatorio para o Mundial 2022 de Qatar e a Copa de Asia 2023 de China.

Gaku foi titular e xogou os 90 minutos dun encontro que acabou con triunfo nipón (0-2).

O martes 19, Xapón recibe a Venezuela nun amigable que se xogará no Panasonic Stadium da cidade de Suita, ás 19:25 horas (11:25 en España).

Montero viu desde o banco o triunfo da sub-21 ante Macedonia

Francisco Javier Montero foi convocado pola selección española sub-21 para dous partidos clasificatorios para o Campionato de Europa da categoría.

Hoxe xoves 14 de novembro, España superou a Macedonia (3-0) no Estadio Municipal de Santo Domingo en Alcorcón.

Montero seguiu o partido desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

O martes 19 (19:30 hora local, 18:30 en España), a selección española enfróntase a Israel, nun partido que se xogará no Ramat Gan National Stadium de Ramat Gan.

Lampropoulos visita a Armenia mañá venres

Vassilis Lampropoulos foi citado pola selección de Grecia para dous partidos oficiais, clasificatorios ambos para a Eurocopa 2020.

O combinado heleno mídese a Armenia mañá venres 15 de novembro (21:00 hora local, 18:00 en España) no estadio Republican Vazgen Sargsyan da capital Yerevan; e, o luns 18 (21:45 hora local, 20:45 en España), recibe a Finlandia no Estadio Olímpico de Atenas.

A selección grega, xa sen opcións de clasificación directa, necesita gañar ambos os encontros para ter algunha posibilidade de disputar os playoffs.

Máis novas de: GAKU SHIBASAKI, JAVI MONTERO