RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gandoy advirte que o partido en Guijuelo "é un dos máis difíciles desta primeira fase"

Yago Gandoy pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O canteirán branquiazul, xa con experiencia no Fabril en Segunda División B, lembra que "esta categoría non é fácil e de levar 10 puntos de 12 nas 4 primeiras xornadas facemos unha valoración positiva. Xa estamos líderes do noso grupo. Esa é a intención do Club e oxalá poida seguir así".

Comenta que na súa primeira temporada como futbolista profesional, "tiven a sorte de estar con dinámica do primeiro equipo xa o ano pasado. Esa esixencia e ese traballo xa sabía como era. A min este ano non se me está facendo duro. Nos meus anos no Fabril a esixencia era alta, os adestramentos eran moi duros, así que nos prepararon ben a todo o mundo que vén de #ANOSACANTEIRA para cando cheguemos arriba dar o nivel tanto físico como futbolístico".

Respecto da súa participación no xogo do Dépor, apunta que "os que estamos a partir desde o banco as nosas actuacións están a darlle ao equipo esa frescura que se cadra nestes primeiros partidos está a faltarnos un pouco. A mentalidade que temos que ter todos é que cando participemos sexan 90 minutos, 30 ou 10 tentar dar o máximo como estamos a facer todos. Os que estamos a saír do banco estamos a achegar cousas e os partidos non os gañan sempre os que empezan senón tamén os que saen do banco".

Gandoy lembra que nestes partidos "non estou a xogar na miña posición. Estou a entrar de mediapunta, mesmo de banda porque é o que o míster quere de min. E eu encantado de participar sexa onde sexa. Estou a aprender dos meus compañeiros, do corpo técnico, de todo o mundo para tentar dar un bo nivel aí. En posición hai xogadores de moito nivel e non é tan fácil entrar".

Nesta liña, apunta que "o míster me transmite moita confianza. Sabe que non é a miña posición pero pretende que busque espazos entre liñas, que me meta aí por dentro, cre que pode ter un bo xogo; que me ofreza todo o intre e busque eses espazos para virarme, ir cara a adiante e atacar e pases de gol. Sobre todo ser moi dinámico e en defensa ser intensos, presionar e acosar ao rival".

Aínda que advirte que os xogadores "queiramos ter máis minutos, aquí o importante é o equipo. É o primordial. Estou contento co meu rendemento, estou a achegar cousas ao equipo e iso é o que me interesa. ¿Que me gustaría xogar máis? Claro que si, como a todos. Pero temos que estar preparados para xogar todo o partido, media parte... O que sexa, o que necesite o equipo e o que decida o míster, que ao final é o que decide".

Quere dar as grazas a #ANOSAFORZA, "que sempre me mostrou moito agarimo. Oxalá siga sendo así e póidalle devolver ese agarimo que me está mostrando".

Finalmente do partido do próximo domingo 25 de novembro en Guijuelo (17:00 horas, Footters), Gandoy avisa que "é un dos máis difíciles desta primeira fase. Tiven a sorte de xogar contra o Guijuelo alá nese campo artificial. E eles xogan moi ben, domínano moito: o bote do balón, a superficie... É un partido moi, moi difícil. O céspede artificial a nós prexudícanos un pouco pero non hai escusa. Imos traballar moito para afrontar ese partido e traernos os tres puntos de volta".