RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "A eliminatoria está aberta, calquera dos dous pode gañar"

Gaizka Garitano insistiu este mediodía na sala de prensa de Riazor que a Copa do Rei, cuxo futuro para o Dépor xógase mañá mércores en Mendizorroza ante o Alavés (19:00, Bein Sports), "é unha competición moi bonita. Estamos nas roldas finais. Imos coa ilusión de poder pasar. Temos tamén en mente o partido do sábado (en Riazor ante o Villarreal, 20:45, Bein Sports), pero non queremos saír fóra desta competición".

Cualifica o partido de mañá en Vitoria como "unha final, porque de non gañar imos fóra. Queremos tentar polo menos pasar a eliminatoria".

Preguntado sobre se hai favorito tras o 2-2 da ida, Garitano opina que "a eliminatoria está aberta, calquera dos dous pode gañar".

Para iso, asegura que o Deportivo saltará ao céspede de Mendizorroza "a tentar xogar como sempre e facer máis goles que o contrario. É verdade que temos un resultado de 2-2 que non é bo para nós. Que aínda que a eliminatoria está moi aberta, necesitamos un empate con moitos goles ou unha vitoria. Iso déixanos claro o que temos que facer. Atoparemos un partido difícil, pero tamén espero que para eles tamén, e que ata o final non se decida a eliminatoria".

Tamén respondeu á ausencia de Alex Bergantiños da lista de convocados. Confirmou o adestrador branquiazul que a ausencia dun dos capitáns foi por "decisión técnica". "O maior problema é que estamos a contar con Celso (Borges), Guilherme e Mosquera. É a posición do equipo máis reforzada, con máis xente e con menos lesións, nin unha sanción. É o maior inconveniente para que non xogase ata agora", explicou.