RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "a nivel anímico estamos ben. O equipo está preparado para competir"

Gaizka Garitano recoñeceu este mediodía na sala de prensa de Abegondo, respecto ao partido de mañá sábado 26 de novembro en Málaga (13.00 horas, Bein Sports) que "en Riazor estamos a facer bos partidos pero fóra de casa fáltanos algo máis. Temos que dar ese paso e esta é unha boa oportunidade". Vaticina algún cambio no once inicial do Dépor na Rosaleda: "Dous ou tres cambios pode haber".

Cualifica ao Málaga como "un bo equipo de Primeira División. En casa están a gañar os partidos e veñen con moita moral do empate no Nou Camp. Será un rival difícil para nós e nós para eles".

A pesar do refacho de partidos sen gañar, asegura Garitano que "o vestiario está moi ben. Adestramos moi ben. Estamos a recibir semana tras semana ese golpe de non ter o bo resultado. Sempre custa un par de días despois dun golpe ou de perder no último minuto practicamente como pasou nos dous últimos partidos".

Nesta liña, subliña o adestrador deportivista que o equipo "se levanta ben. Está preparado para competir. A nivel anímico estamos ben".

Iso si, recoñece que afecta "os golpes que está a recibir o equipo nos últimos minutos que lle está impedindo gañar partidos. O bo que ten o equipo é que se repón para o traballo, ten un espírito de sacrificio e de traballo moi alto".

A nivel persoal, confesou estar "a lume de biqueira. Insuperable, con moitas ganas. Non estamos a ter o premio que estamos a buscar buscando e só queda mirar ao seguinte partido".