RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "O equipo xogou redondo e atopou o premio a súa traxectoria"

Gaizka Garitano, adestrador do Deportivo, mostrouse contento polo rendemento do seu equipo ante a Real Sociedad pero "sobre todo polos tres puntos".

"Foi un día bo para nós e estamos contentos por iso. Necesitabamos moito estes tres puntos. Necesitabamos gañar, tiñamos que gañar dunha maneira ou outra e encima fixémolo xogando ben", analizou o técnico branquiazul.

"O Dépor leva tempo xogando ben. Non é normal que non conseguísemos máis puntos co que estabamos a facer. Cando non tes premio semana tras semana, costa. Alégrome moito polos rapaces e tamén pola afección, que gozou. Todos o merecían", aseverou Garitano.

Como clave no desenlace do encontro, Garitano afirmou que "se non fixéramos o cuarto gol, acabaríamos sufrindo. Sabiamos que un gol en contra ao empezar a segunda metade podía xerarnos nerviosismo".

O técnico non quixo lanzar as campás ao voo despois do 5-1. "Tampouco fixemos nada, non temos que esquecer que estamos nunha situación delicada. É un día para gozar pero a partir de mañá hai que pensar xa no sábado", recomendou.

Preguntado sobre o futuro de Ryan Babel, que finaliza contrato este mes, Garitano foi rotundo. "Gustaríame que quedase. Contamos con el, gústanos moito e custounos moito tempo poñelo en forma, polo que sería unha pena que agora que está en forma marchase", asegurou.

"O equipo xogou redondo e atopou o premio a esa traxectoria de mellora", concluíu o adestrador do conxunto coruñés.

Pola súa banda, Eusebio Sacristán, adestrador da Real Sociedad, recoñeceu "a superioridade" do Deportivo, a pesar de que os seus xogadores "trataron de dar o máximo en todo momento".

"Houbo un equipo moi superior e é a demostración de que é unha Liga moi competida onde todos os rivais son bos equipos", destacou o preparador do equipo donostiarra.

"Tácticamente foron superiores e non atopei esa solución que puidese facer sentirnos máis a gusto e máis fortes e evitar que o Dépor nos fixese o dano que nos fixo cos balóns en profundidade", analizou.