RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Garitano: "Os xogadores adestran magníficamente. O equipo está centrado, responsabilizado"

Gaizka Garitano, a pouco máis de 24 horas do choque en Riazor ante o Alavés (Sábado, 18:30 h., Bein Sports), subliñou que os xogadores deportivistas "están a traballar moi ben. O comportamento é magnífico de todos os futbolistas, no traballo, na responsabilidade. Nese aspecto o vestiario é de dez, implicación... Nese aspecto non teño queixa. Todo o mundo está a sumar desde onde lle toca".

Iso si, segundo o técnico deportivista, "agora temos que demostrar no campo que todo o bo que vimos facendo tense que ver en resultados tamén. Estamos preto tamén, non unha vez senón moitos días. Imos ver se algún día podemos xogar peor pero gañar".

Cre que "atopamos pouco premio ao que estamos a facer e iso ao final vaiche minando. Non atopar premio ao que fas moralmente non é positivo, é negativo. Pero os xogadores ven que están ben, que están preto, que fan cousas boas. As sensacións son mellores que os resultados. Iso tamén lles ten que animar. Está claro que temos que puír algunhas cosas pero eles ven que son capaces de gañar a calquera en calquera campo. E iso anímalles tamén a seguir adiante".

Advirte non obstante que "o equipo necesita unha alegría, a xente tamén. Para o traballo que facemos non estamos a coller recompensa. É fodido, pero temos que seguir. O equipo está con capacidade de gañar e ten que chegar. Eu estou confiado en que os resultados van chegar".

Nesta liña, insiste en que os xogadores "adestran magníficamente, o equipo está centrado, responsabilizado e sabe que mañá ten un partido importante que temos que gañar".

Despois da derrota do pasado sábado en San Mamés, destaca Garitano que "temos que cambiar algunhas cousas, algúns matices, e mellorar nalgunhas cousas que xa falamos. Pero cambiar todo de arriba a abaixo non o vexo agora mesmo".

Preguntado sobre 'o outro fútbol', opina que "non somos bos. Unha cousa é xogar ao fútbol, outra cousa é facer ben as cousas defensivamente. Pero hai que manexar os últimos minutos, esoutro fútbol. Nese aspecto somos un equipo que fai moi poucas faltas, recibe poucos cartóns. Temos que mellorar iso. Cada un poñer un pouco máis da súa parte porque non é cuestión de sacrificio, nin de orde".

Resaltou que os tres partidos esta temporada ante o Alavés (un de de Liga e dous de Copa do Rei) "foron partidos igualados. Xogamos tres veces contra eles e tres empates. Eles fóra de casa encaixan moi poucos goles, son un equipo moi competitivo".

Sobre o que se lle aveciña ao Deportivo no mes de marzo, con catro partidos en 10 días, co partido aprazado ante o Betis incluído, dixo que "agora non estamos para elixir, nin para queixarnos. Nós agora mesmo gañar, gañar, gañar e na cabeza só pode pasar gañar mañá".