RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Goñi, xogador branquiazul entre 1967 e 1968, faleceu aos 78 anos

- Goñi (c), entre Domínguez e Santos, na formación inicial do Dépor no Bernabéu o 26 de marzo de 1967 -

José Manuel Goñi Méndez (Guarnizo, Cantabria, 11 de xaneiro de 1944), futbolista branquiazul a mediados dos anos 60, faleceu hoxe aos 78 anos de idade.

Goñi chegou ao Deportivo no tramo final da temporada 1966-1967, durante o mes de febreiro de 1967, como segundo reforzo invernal trala incorporación unhas semanas antes de Idígoras, cedido polo Espanyol. O centrocampista cántabro asinou a cambio de 350.000 pesetas, procedente do Real Racing Club de Santander, co que debutara aos 18 anos e co que acumulaba 66 partidos e 1 gol en Segunda División.

Paisano dos Gento, cuxo irmán mediano, Julio, defendera a branquiazul un lustro antes, Goñi aterrou nun Deportivo pechacancelas da Primeira División con 10 xornadas por diante. O seu debut, que tamén foi a súa estrea como futbolista na división de honra, produciuse en Elxe, o 12 de febreiro de 1967, cunha vitoria (1-3) que revitalizou as opcións coruñesas de evitar o descenso. Goñi foi titular e xogou completos eses 10 encontros, nos que anotou o seu único gol como xogador deportivista, pero a súa achega finalmente non serviu para impedir a caída á Segunda División.

A temporada seguinte, 1967-1968, Goñi perdeu protagonismo, disputando unicamente 4 partidos de Liga, previamente ao seu regreso á súa terra para enrolarse nas filas da RS Gimnástica de Torrelavega. Iso si, antes celebrou o ascenso a Primeira co Deportivo e a súa voda cunha moza coruñesa.

- Formación inicial do Dépor no Santiago Bernabéu o 26 de marzo de 1967. De pé, de esquerda a dereita: Joanet, Suco, José Luis II, Domínguez, Goñi e Santos. Agachados: Loureda, Sertucha, Idígoras, Manolete e Ribada. -

Na súa temporada e media na Coruña, Goñi disputou 18 partidos (10 en Primeira División, 4 en Segunda e 4 en Copa) e marcou o gol apuntado anteriormente na máxima categoría.

O RC Deportivo quere transmitir o seu máis sentido e sincero pésame á familia, amigos e ex compañeiros de Goñi. DEP.