RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gran gol hoxe de Kakuta fronte a Kenia e quenda mañá luns para Emre Çolak

O xogador do Deportivo Gaël Kakuta xogou hoxe domingo coa súa selección, a República Democrática do Congo, un partido amigable ante Kenia. O choque disputouse no Kenyatta Stadium da cidade kenyana de Machakos. Gañou Kenia (2-1), e Kakuta, que foi titular, anotou un gran gol de falta no minuto 60 que equilibraba momentaneamente o partido.

Tras o encontro, o atacante deportivista emprendeu viaxe de regreso á Coruña. A súa chegada está prevista para o martes 28 ao longo da mañá.

Emre Çolak, con Turquía, mídese mañá luns a Moldavia

Emre Çolak foi citado por Turquía para dous partidos internacionais neste parón ligueiro. O segundo choque de Turquía é amigable, con Moldavia como rival, mañá luns 27 de marzo (19:15, hora local), no New Eskisehir Stadium da cidade de Eskisehir.

O primeiro deles foi o pasado venres 24 de marzo ante Finlandia no Antalya Area da localidade turca de Antalya, neste caso clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018. Gañou Turquía (2-0). Emre Çolak non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Segundo partido oficial para a Costa Rica de Borges o martes

Celso Borges está concentrado coa súa selección nacional, Costa Rica, para dous partidos oficiais, correspondentes á eliminatoria pola zona CONCACAF para o Mundial de Rusia 2018. Así, o pasado venres 24 de marzo (madrugada do sábado en España), Costa Rica caeu (2-0) ante México, no Estadio Azteca de Cidade de México. O mediocentro deportivista disputou os noventa minutos dun partido que quedou sentenciado practicamente na primeira metade.

O martes 28, Costa Rica xogará ante Honduras no Estadio Francisco Morazán de San Pedro Sula. O choque arrincará ás 15:00 (hora local).

Fayçal enfróntase a Tunisia

Fayçal Fajr, que tivo unha destacada actuación na última edición da Copa de África, está concentrado con Marrocos para dous partidos amigables. O primeiro deles foi o pasado venres 24 fronte a Burkina Faso no Gran Estadio de Marrakech. Gañou Marrocos (2-0), cun gol de Fayçal, que arrincou o choque de titular e foi substituído no minuto 88.

O segundo encontro neste parón será o martes 28 ante Tunisia, ás 21:00 e no mesmo escenario.