RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Gran triunfo de Celso Borges en Estados Unidos

Tres xogadores do RC Deportivo tiveron partido internacional onte venres 1 de setembro: Tytoń con Polonia, Andone con Rumania, e, esta pasada madrugada en España, Celso Borges con Costa Rica.

Mañá domingo, Fabian Schär, con Suíza, visita Letonia, pechacancelas do grupo de clasificación para o Mundial.

Celso Borges vence a Estados Unidos

Celso Borges e a súa selección, Costa Rica lograron onte venres 1 (esta pasada madrugada en España) un gran triunfo en Estados Unidos (0-2), en choque que se disputou no Red Bull Area de Harrison (New Jersey).

O mediocentro deportivista xogou completo o noventa minutos nun gran partido dos 'ticos'.

O martes 5, Borges enfróntase a México (Estadio Nacional de San José, 20:05 hora local, 4:00 da madrugada do mércores 6), un dos favoritos para clasificarse para Rusia 2018.

Tal e como apuntan varios medios de comunicación de Costa Rica, se Celso Borges xoga ante México, converterase no xogador con máis partidos en eliminatorias mundialistas, cun total de 43 presenzas.

En total, o mediocentro branquiazul superou xa os 100 partidos coa selección costarriqueña.

Fabian Schär visita con Suíza a Letonia, mañá domingo

Mañá domingo 3 de setembro (20:45 hora local), Suíza, con Fabian Schär, visitará a Letonia, pechacancelas do grupo 2 de clasificación para o Mundial.

Os suízos, con 21 puntos, marchan líderes do grupo 2 de clasificación europea para o Mundial, con 3 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, Portugal, que suma 18.

O central deportivista foi titular o pasado xoves no triunfo de Suíza ante Andorra no Kybunpark de St. Gallen (3-0).

Schär xogou o noventa minutos dun partido marcado polo estado do terreo de xogo, completamente encharcado debido ao diluvio caído sobre a localidade de St. Gallen.

Andone foi titular no triunfo de Romanía ante Armenia

Florin Andone foi titular onte venres 1 de setembro no partido clasificatorio para o Mundial de Rusia 2018 que Romanía disputou ante Armenia no National Area da capital Bucarest, e que se saldou con triunfo in extremis dos romaneses (1-0), cun gol de Maxim no minuto 90.

O dianteiro deportivista xogou o partido completo e dispuxo dalgunha boa ocasión para marcar.

A meta Pantilimon, fichado onte mesmo polo Dépor, foi suplente.

O luns 4, o combinado romanés visita a Montenegro nun choque que se xoga no Podgorica City Stadium de Podgorica (20:45, hora local).

Os romaneses marchan cuartos clasificados do grupo 5 de clasificación europea con 9 puntos, a 7 de distancia do líder Polonia; e a 4 puntos da segunda praza, que daría opción a xogar a repesca, en poder agora mesmo de Montenegro e Dinamarca, ambos con 13 puntos.

Tytoń non foi convocado para o Dinamarca-Polonia

A meta deportivista Przemyslaw Tytoń non foi finalmente convocado para o Dinamarca-Polonia de onte venres 1 de setembro no Telia Park de Copenhague. Venceron os daneses con claridade (4-0).

Este luns 4, a selección polaca recibe a Kazajistán no Estadio Nacional de Varsovia (20:45, hora local).

Ambos os choques son clasificatorios para o próximo Mundial de Rusia 2018.

Os polacos lideran o grupo 5 de clasificación europea con 16 puntos, agora con 3 de vantaxe sobre Montenegro e Dinamarca, empatados a 13 puntos.

Fede Valverde queda sen debutar coa absoluta

A Federación Uruguaia de Fútbol convocou a Fede Valverde para os próximos encontros de clasificación para o Mundial de Rusia 2018, nos que o combinado celeste mídese a Arxentina e Paraguai.

É a primeira citación na selección absoluta para o mozo centrocampista branquiazul, que o pasado mes de xuño foi elixido Balón de Prata da Copa do Mundo Sub-20.

A selección de Uruguai enfrontouse a Arxentina en Montevideo onte xoves 31 de agosto (1:00 da madrugada de hoxe venres 1 en España). Houbo empate sen goles (0-0) e o mediocentro deportivista non chegou a saltar ao terreo de xogo, no que sería o seu debut coa absoluta.

O martes 5, os uruguaios visitan a Paraguai (20:00 hora local, 2:00 da madrugada do mércores 6 en España), partido que se disputará no Estadio Defensores do Chaco de Asunción, a capital do país.

O combinado celeste ocupa agora mesmo a terceira praza da fase de clasificación de Sudamérica con 24 puntos. O catro primeiros clasificados obterán o billete para Rusia e o quinto deberá xogar unha eliminatoria contra o campión de Oceanía cuxo vencedor tamén estará no Mundial.