RCD / NOVAS

Grecia gaña a Finlandia con Lampropoulos no banco

18/11/2019 22:45

Vassilis Lampropoulos foi o único deportivista con cita internacional hoxe luns.

Os outros dous deportivistas internacionais, Gaku e Montero, xogan mañá martes 19 en Xapón e Israel respectivamente.

Grecia, con Lampropoulos no banco, superou a Finlandia

Vassilis Lampropoulos foi citado pola selección de Grecia para dous partidos oficiais, clasificatorios ambos para a Eurocopa 2020.

Hoxe luns 18, o combinado heleno superou a Finlandia (2-1) no Estadio Olímpico de Atenas con Lampropoulos no banco.

Os gregos, con este resultado sumaron 14 puntos e acaban na terceira praza do grupo J, quedando eliminados.

Grecia mediuse a Armenia o pasado venres 15 de novembro no estadio Republican Vazgen Sargsyan da capital Yerevan.

O resultado favoreceu aos gregos (0-1), con Lampropoulos no banco durante os 90 minutos.

Amigable para Gaku ante Venezuela

Gaku Shibasaki está concentrado con Xapón para dous partidos neste mes de novembro.

Mañá martes 19, Xapón recibe a Venezuela nun amigable que se xogará no Panasonic Stadium da cidade de Suita, ás 19:25 horas (11:25 en España).

O pasado xoves 14, o combinado nipón visitou a Kirguizistán no Estadio Dolen Omurzakov da capital Bishkek, en choque clasificatorio para o Mundial 2022 de Qatar e a Copa de Asia 2023 de China.

Gaku foi titular e xogou os 90 minutos dun encontro que acabou con triunfo nipón (0-2).

Montero xoga en Israel coa sub-21

Francisco Javier Montero está convocado pola selección española sub-21 para dous partidos clasificatorios para o Campionato de Europa da categoría.

Mañá martes 19 (19:30 hora local, 18:30 en España), a selección española enfróntase a Israel, nun partido que se xogará no Ramat Gan National Stadium de Ramat Gan.

O xoves 14 de novembro, España superou a Macedonia (3-0) no Estadio Municipal de Santo Domingo en Alcorcón.

Montero seguiu o partido desde o banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.

Máis novas de: LAMPROPOULOS