RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Hai que correr moito, pero hai que correr ben", advirte Cristóbal sobre o partido no Camp Nou

Cristóbal Parralo manifestou esta mañá na sala de prensa do Estadio ABANCA-RIAZOR que o Barcelona, rival mañá domingo 17 de decembro (20:45, Movistar Partidazo) no Camp Nou, "é dos mellores equipos do mundo, senón o mellor, con grandísimos xogadores".

Por este motivo, para tentar sacar algo positivo, "hai que xogar de forma colectiva, moitas axudas entre nós e estar moi concentrados durante todo o partido".

Preguntado por Leo Messi, o técnico deportivista subliñou que "é un xogador que está a marcar unha época. É o máis determinante que eu vin. Temos que facernos moitas axudas, que non o poidan nutrir de moitos balóns para que participe o menos posible. Hai que xogar de forma colectiva", insiste.

Mañá, cando o Dépor teña o balón, advirte que "hai que tentar ser nós mesmos. Non por xogar contra o Barcelona perdamos o balón continuamente, e non sexamos capaces de telo e de crearlle dificultades a eles. Hai que correr moito pero hai que correr ben. O Barcelona sométeche porque ten xogadores dun nivel técnico moi grande, un equipo que ataca a través da posesión. Hai que estar o máis xuntos posible para que esas distancias non sexan moi grandes e podamos manter o nivel durante todo o partido".

Lembra Cristóbal do seu paso como xogador do FC Barcelona que "era moi novo, fun collendo experiencia. Debutei nunha categoría soñada, xogar en Primeira División para calquera rapaz era o máximo. Eu conseguino. Tiven a sorte de traballar con moi bos compañeiros, cun nivel moi alto. Gardo moi bos recordos e esas experiencias valéronme moito para o resto da miña carreira como xogador e mesmo ter eses adestradores que tiña axúdanche a ir formándoche un pouco".

Explicou a ausencia de Florin Andone da lista de convocados: "Ao acabar a sesión tiña molestias nun aductor. Eu pregunteille, díxome que non estaba ben, que non estaba para viaxar. Logo falei cos doutores, que me dixeron que ten molestias e que vai facer probas o luns. Por isto non entrou na lista".

En referencia a #ONOSODERBI do sábado 23 de decembro, a seguinte cita en LaLiga Santander para o Dépor, Cristóbal asegurou que o cadro branquiazul ten só o choque do Camp Nou "entre cella e cella. Temos que competir en todo tipo de situacións, en todo tipo de campos e contra todo tipo de rivais. O primeiro partido que temos para nós importante é o de mañá, con 3 puntos en xogo. Temos que ir gozar, a competir e a ver se podemos conseguir un resultado positivo".