RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Hai que ter tranquilidade, estar unidos, ser máis equipo que nunca", receita de Iñigo nestes momentos

Iñigo López, exfutbolista a principios de temporada do Extremadura UD, rival do Dépor este domingo 21 de abril en ABANCA-RIAZOR (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV), pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O defensor deportivista indicou que o técnico, José Luis Martí, "insiste moito en que temos 3 puntos esta semana, non podemos mirar máis aló. Centrarnos un pouco no que é este partido porque temos a necesidade de sumar en ABANCA-RIAZOR os 3 puntos. Nesa dinámica estamos".

Nesta liña, subliña que "se nos pomos a facer números e facer contas, equivocámonos. Ao final o que depende de nós é gañar os 3 puntos o domingo. O resto non sabemos. LaLiga está moi apertada, vemos que o Málaga cae co Extremadura, a nós pasounos co Rayo Majadahonda".

Iñigo, un dos xogadores máis experimentados do vestiario deportivista, advirte que "en todas as temporadas que levo no fútbol sempre houbo refachos, bos e malos. O que se trata é estar unidos para cortar estes resultados ultimamente malos".

Lembra o defensor branquiazul que "hai xente que viviu situacións tanto boas como malas, similares ás que estamos a pasar agora. Hai experiencia para poder sacar adiante a situación".

Do Extremadura UD, co que xogou a primeira parte do campionato ligueiro, di que ten "un vestiario moi san. Levabámonos moi ben. A fortaleza está no grupo. Eles estiveron unidos a pesar de todas as circunstancias que se deron durante a temporada. Están con confianza. Foron o outro día a un campo moi difícil e gañaron. Levan un mes nunha liña boa de xogo e facendo bos partidos".

Pide por conseguinte para o Dépor "aprender o que nos pasou nos últimos partidos e pór toda a carne no asador".

Na súa opinión, nestes momentos "hai que ter tranquilidade, hai que estar unidos, ser máis equipo que nunca, nas boas e nas malas, como nas familias. Temos unha gran oportunidade o domingo para reconciliarnos coa nosa afección e estar todos en sintonía".

Preguntado pola substitución no banco, manifestou que "temos os xogadores unha gran culpa, creo que a maioría, porque somos os protagonistas para o bo e para o malo. Na miña opinión, un cambio de adestrador é unha mala noticia. Se se tomou a decisión, ten que valer para que teñamos unha reacción".

A nivel persoal, a pesar de non estrearse aínda en partido oficial coa camiseta do Dépor, apunta que está "a pelexar, apertando. Ao final o que un ten que facer é apertar durante a semana para que os meus compañeiros non se relaxen, para que sigan na dinámica boa".

Recalca que está "a facer adestramentos bos, non estou a ter lesións. O míster sabe perfectamente que son un máis do cadro. O que importa é que xogue quen xogue, consigamos o obxectivo".