RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Hai que terminar a fase regular de boa forma", recalca Villares sobre o partido ante o Unionistas

Diego Villares confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, unha vez oficializada a súa renovación até xuño de 2025, que "levaba tempo desexando deixar ese tema de lado. É verdade que as últimas semanas, despois de que chegase esa renovación por partidos, tampouco tiñamos moita présa nin o Club nin eu. Sabiamos que ía chegar nun momento ou noutro".

O mediocentro deportivista cre que atravesa "senón o mellor, un dos mellores momentos da temporada. O equipo está a facer as cousas ben e iso axúdame a min e ao resto de compañeiros".

Asegura que o equipo está centrado no partido deste sábado 28 de maio ás 18:30 ante o Unionistas de Salamanca CF (18:30, TVG-2, Footters e Fuch Sports) porque "hai que facer un bo partido e chegar ao playoff preparados e da mellor maneira posible"; aínda que, admite que "inconscientemente pensas un pouco nestas semanas no playoff".

Neste sentido, desvela que "algo sempre miras" ao grupo 2º, do que sairá o rival nas semifinais polo ascenso. "Durante a temporada bótaslle unha ollada e nestas últimas xornadas máis. Sabemos que até esta última xornada non saberemos a quen nos imos a enfrontar entón miras un pouco todo. É difícil mirar algo específico".

Por este motivo non ten ningunha preferencia: "O que nos toque ao final nunca vai ser fácil. Non teño ningunha preferencia nin para ben nin para mal".

Nestes días previos á fase decisiva da temporada, conta que no vestiario de Abegondo "comentas sempre as experiencias que tivo cada un nos seus playoffs. Pero é unha anécdota máis que outra cousa. Isto é un playoff novo e non ten nada que ver o que vivimos no pasado".

Ante os salmantinos a fin de semana, Villares pensa que se lle toca descansar nun partido no que o Dépor xa non se xoga nada posto que a segunda posición está garantida, "non vai haber problema ningún. E se teño que xogar eu encantado. Non deixa de ser unha semana máis de competición e decida o que decida o míster está ben".

Subliña que tanto en ABANCA-RIAZOR como fóra, "non debemos ter ningún aliciente para saír a gañar todos os partidos e máis este. Hai que terminar a fase regular de boa forma e que mellor maneira que coa última vitoria aquí en casa".