RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Héctor lembra que "o importante non é agora, que tamén, senón chegar arriba con opcións en abril ou maio"

Héctor Hernández atendeu aos medios de comunicación esta mañá na sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista referiuse á UD Logroñés, rival do Dépor este domingo 7 de novembro ás 17:00 horas no Estadio de Las Gaunas (Footters), en partido correspondente á 11ª xornada en Primera RFEF: "É un dos rivais fortes por conseguir o ascenso. Está a verse nos seus partidos, está a verse nos puntos que están aí tamén liderando a clasificación. O outro día é capaz de gañar no último minuto nun campo complicado como é o do RC Celta. É un rival forte e vai ser un partido interesante, de ti a ti".

Iso si, advirte que "o que leve a vitoria non vai decantar nada do que é a temporada, pero vai ser un golpe encima da mesa. Analizámolo un pouco e coas nosas armas tentaremos facerlles todo o dano que podamos".

É consciente que "cada quince días fóra de casa a película cambia. Non é ABANCA-RIAZOR nin moitísimo menos. Nós imos saír a gañar. Sempre se adoita dicir que cando non podes gañar, o importante é non perder. É o caso do día do Racing de Santander: puideches facer algún gol, non o fixeches, mantés a portería a cero e vas cun punto. Todos somos conscientes que entre sumar un punto e sumar ningún preferimos sumar un punto e neste caso un empate. Pero volvo ao principio. Nós imos saír a gañar, queremos os tres puntos. Co escudo que levamos na camiseta temos que ir conseguir vitorias tanto en ABANCA-RIAZOR como fóra. E esa é a mentalidade coa que imos".

Preguntado polo seu compañeiro de demarcación, Diego Aguirre, subliña que "isto é fútbol. O adestrador é o que decide, está a apostar polo meu eu estou moi contento, tentando devolverlle esa confianza no campo. E a Aguirre só pódolle dicir que espere o seu momento que seguro que chegará, que estea preparado, psicoloxicamente tamén porque isto é moi longo. Teño un bo trato con el, pregúntolle, pregúntame. Antes de cada partido sempre me desexa o mellor e iso é o bonito do fútbol. Se mañá os papeis teñen que cambiar, que non teña ningunha dúbida. Pasoume o mesmo con Salva. Era o primeiro ao que lle desexaba o mellor. El a min tamén e isto é o bonito do fútbol e sobre todo unha parte moi sa. Este vestiario é moi san e iso seguro que se reflicte no día de mañá no obxectivo que temos todos".

Acerca de Noel, que estes días está co Xuvenil A de cara ao compromiso desta noite en ABANCA-RIAZOR correspondente á Youth League ante o Maccabi Haifa (20:00 horas), opina Héctor que o ve "ben, tranquilo, centrado. Espero que esta tarde nos dea alegría a todo o deportivismo. Oxalá poida quedar connosco durante moito tempo, porque o vexo un moi bo xogador con moi boa proxección".

Sobre este primeiro tramo de liga disputado, indica que "se está vendo que hai moitos equipos involucrados nese obxectivo, moi bos cadros, nivel. Veremos a ver quen leva o gato á auga ao final de temporada. Esperemos que sexamos nós. En canto ao outro grupo, si que é verdade que o Villarreal CF B demostrara unha superioridade grande, pero o outro día xa picou. Está a verse que nesta categoría pode gañar calquera. Vas ao campo de calquera equipo e podes picar. Estamos todos apertados pero é a xornada 10. Veremos a ver na xornada 20, na xornada 25 a ver como estamos. Nós imos traballar día a día, imos pelexar día a día porque cada domingo podamos levarnos os tres puntos e seguir nesa zona de arriba. O importante non é agora, que tamén, se non chegar arriba con opcións en abril ou maio, aí é onde verdadeiramente nos imos a xogar o turrón".

Considera aos futbolistas branquiazuis "moi afortunados de ter a #ANOSAFORZA. Estando na categoría na que estamos, que se despracen cada quince días tantos afeccionados indica a afección que ten este Club. Nós estamos encantados, agradecidos e sobre todo sérvenos de moita axuda. Desde aquí convídolles a que sigan animándonos, apoiándonos. Son o noso motor. Sentímolo moito e desde aquí, convídolles a que sigan e que non se cansen".