RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ANOSAHISTORIA

#ANosaHistoria: Hoxe cúmprense cincuenta anos do primeiro partido televisado en directo do Dépor

Hoxe, 17 de abril de 2016, cúmprese medio século do primeiro partido do RC Deportivo retransmitido en directo por televisión, que foi tamén o primeiro emitido desde o Estadio de Riazor e, así mesmo, desde calquera lugar de Galicia. O 17 de abril de 1966, tamén domingo como hoxe, Deportivo e Pontevedra enfrontábanse no recinto branquiazul, no partido de volta dos dezaseisavos de final da Copa de España, entón chamada Copa do Xeneralísimo. Ás 19:25 horas, a primeira cadea de TVE (aquel ano a canle UHF, agora transformada en La 2, emitía unicamente en probas e non chegaba a Galicia) conectaba con Riazor.

O Deportivo gañara o encontro de ida, en Pasarón, por 0-2, con goles de Chapela e Lamelo. Na volta, os coruñeses perderon por 1-2, pasándoo realmente mal na segunda parte para manter a renda do primeiro choque e así evitar o partido de desempate. 

Chapela adiantou aos coruñeses no último minuto da primeira metade. González, en propia meta, propiciou o empate do Pontevedra ao sete minutos do segundo tempo. Odriozola puxo o 1-2 con media hora por diante e co Deportivo mermado pola lesión, ao cuarto de hora de xogo, de Santos, pois naquela época só permitíase cambiar ao porteiro en caso de lesión. O técnico deportivista, Enrique Orizaola, aliñou ao seguintes once xogadores: Joanet; Lariño, González, Domínguez; Santos, Manolete; Gullón, Loureda, Chapela, Aurre e Ribada.

 

O RC Deportivo, na súa intención de recuperar a súa memoria histórica, púxose en contacto con Televisión Española para conseguir as imaxes do partido. Con todo, o Centro de Documentación de TVE non dispón das mesmas, xa que naqueles tempos reutilizábanse as cintas, nas que se gravaban novas imaxes encima doutras. Tampouco o NO-DO emitido o 18 de abril de 1966 conta con reseña algunha daquel histórico partido.

 
 

La Voz de Galicia, na súa edición do 17 de abril de 1966, publicaba unha ampla entrevista de Orestes Vara a Miguel Ors, o xornalista de TVE encargado de narrar aquel histórico partido para o deportivismo. Vara destacaba na súa introdución que Ors “esta tarde, para millóns de telespectadores españois, relatará as incidencias do encontro Pontevedra-Deportivo, o primeiro que se transmite directamente por TV desde calquera campo de Galicia”.

 
 

Desde entón, o Deportivo foi televisado en directo en numerosas ocasións e practicamente por todas as canles. Durante os anos 70, foi TVE a encargada de emitir varios partidos, tanto en Primeira como en Segunda División. A creación da TVG, a mediados dos anos 80, converteu ao ente autonómico no principal transmisor das imaxes do Club, aínda que entre medias TVE-2 tamén ofreceu algún partido, como o choque de ida da promoción ante o Tenerife en 1990.

 
 

Coa aparición das canles privadas e o ascenso de 1991, os encontros do RC Deportivo tamén chegaron aos fogares españois a través de Canal+ (ante o Sevilla en Riazor, o 20 de outubro de 1991, foi o primeiro partido codificado do Deportivo), Antena 3 (na Recopa de Europa de 1995-1996 e a Liga 1996-1997) ou Telecinco (o amigable co Milan en Riazor en 1992 ou o Trofeo Villa de Benidorm en 1994). Coa chegada do sistema de pago por visión, en 1997, xa practicamente todos os encontros do conxunto deportivista, salvo nas dúas últimas campañas en Segunda División e nalgunha eliminatoria europea como a do Montpellier, puidéronse seguir polas diferentes plataformas dixitais e televisión por cable.