RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay aprecia un Dépor "en liña ascendente desde hai algún tempo"

Ian Mackay cualificou esta mañá na sala de prensa de Abegondo o partido deste sábado 3 de decembro en ABANCA-RIAZOR (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv) ante o Córdoba CF como "moi importante para poder acurtar puntos e achegarnos á cabeza da clasificación".

Con 32 puntos os andaluces por 25 os branquiazuis despois de 13 partidos, opina que "agora mesmo é un momento clave. Se conseguimos levar os 3 puntos van estar moi preto e na moral vainos a vir moi ben, pero non creo que sexa determinante se non conseguimos os 3 puntos. Non cabe outra cousa na miña cabeza que non sexa levarnos os 3 puntos. Non miro outro escenario que non sexa ese".

Do conxunto andaluz, apunta que "está a facer moi boa temporada, está a ter moi bos números e nós temos que facer o noso partido. Estamos en liña ascendente desde hai algún tempo, creo podemos facerlles dano e os 3 puntos téñense que quedar en ABANCA-RIAZOR".

Admite que "o principio de temporada do ano pasado foi espectacular. Ata que nos fomos de vacacións os números foron incribles. Tivemos un mes malo que nos pasou factura e o Racing de Santander tivo unha segunda volta incrible"; e no presente curso pide seguir "o tópico do partido a partido para seguir sumando de 3 en 3 e achegarnos á cabeza, que é o que todos queremos e oxalá podamos estar aí arriba canto antes".

Recalca que "estamos en moi bo momento. Desde que chegou o novo míster os números son moi bos. O problema foi o partido da Cultural, que non conseguimos sacar os 3 puntos con moitísimas ocasións a favor. Foi unha pena non conseguilo, pero estamos nun moi bo momento e oxalá podamos demostralo o sábado e levarnos os 3 puntos con #ANOSAFORZA, que creo que vai haber un ambiente espectacular como hai sempre en ABANCA-RIAZOR. Esa é a realidade e oxalá que nos vaiamos todos contentos para casa".

A nivel individual cre que o seu segredo para a súa recuperación estriba en que "cando me lesiono intento poñer todo da miña parte para poder recuperarme canto antes, para tentar axudar ao equipo. Aquí temos a sorte de contar cun corpo médico que é espectacular. O médico está todo o intre encima, os fisios, o recuperador... E xuntamos todo iso nunha soa cousa que é tentar volver canto antes. E tiven a sorte de que a recuperación foi ben en todo momento. Tamén hai xente doutros equipos, incluso outros compañeiros doutros equipos que me preguntan como é posible. Cando me lesiono intento centrarme na lesión, en poñer todo o que teña ao alcance para poder recuperarme canto antes e por sorte foi así".

Titular a pasada fin de semana en Fuenlabrada, o futbolista coruñés di sentirse "moi ben. Non tiven ningunha molestia no partido, que é o que máis me importaba. Non me impediu facer ningún momento e estou moi contento con iso. A lesión está non esquecida ao 100% porque tes que coidarche e seguir fortalecendo para que volva estar como antes, pero non teño ningún resentimento sobre a lesión".

Desvela que o partido que lle tocou vivilo desde o banco, en ABANCA-RIAZOR ante a Cultural Leonesa, "pásase moi mal. Cústame medir moito, protesto moito, son bastante vinagre nesas cousas e algún día pódeme pasar factura cos xuíces de liña e os árbitros. Pásase moi mal porque é unha impotencia non poder axudar ao equipo desde dentro"; e tanto do seu substituto nese partido, Edu Sousa, como de Pablo Brea, titular en Copa, afirmou que "son dous grandes porteiros, traballan incrible, tentan axudar sempre ao equipo en todo o que poden e cando entran a xogar fan un moi bo papel".