RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay asegura que confía "plenamente no equipo" e cualifica ao cadro como "espectacular"

Ian Mackay, un dos capitáns, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo no primeiro día de traballo da semana para o Deportivo.

Despois de xogar catro temporadas e media no Racing de Ferrol, o meta coruñés admite que o partido do pasado sábado foi "especial. Nunca volvera á Malata a xogar e sempre é bonito onde te atopaches moi ben e sentíchesche querido volver xogar. Houbo un bo recibimento por algunha parte, pitos por outra. Estaba centrado no partido, que era o importante, en tentar sacar algo positivo de alí e conseguimos un punto que ao final da xornada foi bo".

Preguntado pola xogada da pena máxima que puido decantar o partido, opina que "sinceramente non vexo penalti en ningún momento. Daquela a falta, estou tirado no chan, cando me estou tentando levantar despois de que dese no traveseiro. É unha falta que se pita, pero se non se pita pois tampouco pasa nada. É unha xogada que o decide o árbitro. Pitou falta e pitou penalti e agora xa é pasado, xa non se pode facer nada".

Confesou que nin se deu conta de que o colexiado do partido era de Santander: "Non creo que haxa esa maldade ou que coincida xusto que nese partido era de Santander. É certo que é un pouco estraño que nós pisemos tantas veces área e por desgraza non teñamos ningún penalti a favor despois de tantas accións e de tantas xornadas pasadas. Pero non creo que haxa ningunha man negra nin mala por parte dos árbitros, da Federación nin nada. Non coincidiu que fose así".

Valora como "bo" o punto conseguido porque "é certo que non foi o noso mellor partido, non fai falta que o diga senón que se viu claramente. Sacamos un punto de alí. Como foi a xornada conseguimos sacar un punto máis de distancia. Estamos a catro. Son dous partidos que nos fai estar aí arriba. Temos que seguir pensando xa no Valladolid e mirando o seguinte partido. Canto máis puntos fagamos, moito mellor".

Tampouco cre que haxa que volverse tolo pola falta de oportunidades de marcar, é máis, "contra o Bilbao Athletic creamos ocasións de gol. É certo que non conseguimos materializalas. E contra o Racing de Ferrol é certo que non estivemos ben. Confío plenamente no equipo sen ningunha dúbida. Este partido que vén imos tentar mellorar todo o que haxa que mellorar".

Mackay subliña que a nivel defensivo o equipo "está a facelo moi ben" e lembra que aínda que non reciba moitos disparos a porta, "teño que estar atento a todas as xogadas. Un porteiro é un evitador antes que un parador. Teño que colocar á defensa, teño que estar metido no partido, xogo aéreo, balóns ás costas da defensa... Entendo que moita xente só fíxase en que o porteiro pode facer un paradón. Ao final un porteiro intervén en moitas máis accións, que o que é un disparo. Hai que seguir tendo a mesma concentración, estar a mandar cos xogadores, activo no partido e cando teña que intervir, pois intervir".

Resta importancia ás ausencias en defensa obrigadas para o partido ante o Real Valladolid Promesas; caso de Víctor, con penalización económica no seu contrato no caso de que xogue, e Lapeña, sancionado por acumulación de amoestacións: "Entrarán dous xogadores máis. Non creo que haxa ningún problema en que os que vaian entrar sexan peores que os que están a xogar. Hai un cadro espectacular. Hai xogadores incribles neste cadro e non creo que se vaia a notar en ningún momento, como ben se demostrou na Copa do Rei. Os que xogaron en Copa, que non estaban a ser os máis habituais, fixeron un partidazo incrible".

Precisamente do equipo valisoletano, rival este domingo 12 de decembro ás 17:00 horas en ABANCA-RIAZOR (Footters), o porteiro deportivista alerta que "nesta categoría pódeche gañar calquera e podes gañar a calquera. Está moi rifado. Está a verse cada semana que está todo moi apertado. Nós temos que pensar en nós, facer un bo partido e conseguir facer o noso fútbol e o noso xogo, que en casa os equipos veñen a pecharse máis e estanos custando un pouco. Hai que tentar estar o máis concentrado posible e cómodos para poder facer o noso fútbol. Veñen coa moral moi alta despois de gañar 3-0 ao Racing de Santander. O máis importante é estar concentrados e que non haxa un chisco de relaxación".

Finalmente, Mackay recalcou, a tenor do vivido o sábado na Malata, que #ANOSAFORZA "é a hostia. Chegar alí e estar toda a xente animando, moitísima xente que non entrou no estadio, só para animarnos, para que vísemos que non estabamos sós e que estaban connosco, foi espectacular. Xa se ve sempre nos partidos que imos fóra, anímanos moitísima xente. Os clubs tentan, é a miña opinión, facer caixa cos nosos afeccionados que sempre viaxan porque saben que son moitos. Temos que agradecerlle moitísimo porque non estamos sós nunca e apóianos moitísimo. Só podo ter palabras de agradecemento".