RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay: "Temos que estar moi atentos, moi vivos e ser nós mesmos"

Con varios playoff ás súas costas con CE Sabadell, Racing de Ferrol e SD Ponferradina, o coruñés Ian Mackay, que afronta a súa primeira fase de ascenso co equipo da súa vida, ve á xente "moi enchufada, con moitas ganas de que chegue o sábado, con ganas de poder xogar o partido diante de #ANOSAFORZA e de que chegue xa o playoff. Levamos algunhas semanas xa coa mira posta nesta data. A xente está a adestrar moi ben e creo que chegamos en moi bo momento".

Desvela que non ten nervios senón "ganas. Ves que se achega todo o que levas esperando durante un tempo e agora está aí. Quedan dous días para poder disputar o partido e con moitas ganas de poder xogalo".

Conta que o desta temporada será o seu sexto playoff a Segunda División pero é "distinto porque poder conseguilo con esta camiseta e este escudo para min é moi importante, moi especial por todo o que rodea a min e á miña familia, aos meus amigos. Oxalá que podamos celebralo, pero imos centrarnos no partido do sábado que é o primeiro, que podamos conseguir pasar a eliminatoria e toda a xente que veña a ABANCA-RIAZOR se vaia ilusionada para pensar no seguinte".

Non lle sorprende a reacción de #ANOSAFORZA, que comprou miles de entradas no portal habilitado pola RFEF nas primeiras horas: "Imaxinábamo. Toda a miña contorna e coa xente que falo é do Dépor e estaban a desexar que saísen as entradas para poder compralas. A Coruña ten ganas de axudar ao equipo e que todos vaiamos xuntos cara a adiante para poder conseguir o pase á final".

Admite que no vestiario este tipo de partidos "hai xente que o sofre dunha maneira, gózao doutra... Eu teño a sorte de poder gozar algo que levaba buscando moito tempo. Eu quero gozalo. E gózase gañando. No persoal quero pasar a eliminatoria si ou si e se se pode gozar, mellor, pero o que quero é pasar a eliminatoria, que a xente que veña a ABANCA-RIAZOR góceo tamén connosco, que deamos boa imaxe e que esteamos todos xuntos para que todo o mundo se vaia contento a casa e poder gozalo".

Pola súa experiencia nestes playoff, "nos equipos onde estiven fomos fieis á idea que tivemos. Non creo que teñamos que cambiar nada. Temos a sorte de xogar en casa, temos que seguir a liña que levabamos ascendente dos partidos que estamos a xogar en ABANCA-RIAZOR e facer o que estamos a facer, nada máis".

É partidario durante a semana "de darlle a máxima normalidade posible. Inconscientemente o xogador xa está máis tensionado e máis tenso porque porque sabe que se xoga en dous partidos toda a temporada. Bueno, dous partidos se consegues pasar este. Neste partido xógasche toda a temporada e sabemos que é súper importante e somos conscientes diso. Canto máis normalidade déaslle á semana mellor, porque cada un xa se vai activando e tensionando individualmente".

Espera ante o Linares Deportivo este sábado 4 de xuño ás 21:00 horas "un partido no que eles presionen arriba e tenten saír á contra, que é unha das súas armas importantes. E nós a tentar facer o noso partido, ter o balón, ser dominadores e as que teñamos, conseguir metelas. Polo ambiente vai ser moi importante nos momentos que poida haber malos no partido, con #ANOSAFORZA que nos apoia e neses momentos que tes un pouco de incerteza. Ver que todo o mundo está connosco vai ser un plus, sen ningunha dúbida".

Do conxunto andaluz destaca que "vén nunha dinámica ascendente. Nos últimos partidos gañaron moitos partidos, conseguiron meterse. É o mellor equipo da categoría nos últimos 10 partidos. Vai ser un rival difícil. A ninguén lle regalan estar no playoff. Temos que estar moi atentos, moi vivos e ser nós mesmos. Temos que fixarnos en nós mesmos e estar concentrados en todo momento. Son un equipo moi ofensivo que acaba moitas xogadas e á contra son un equipo moi bo, moi potente".

Finalmente, subliña Ian Mackay que "é o primeiro playoff no que che serve a clasificación da liga. Sempre que os xoguei houbo moitos empates. No último que xogamos en Marbella co CE Sabadell pasamos dúas eliminatorias a penaltis, a última ao FC Barcelona B. De 10, 12 partidos, creo 7 ou 8 acabaron en empate porque chegas ao final de temporada, hai moita tensión. Que nos sirva o empate axúdanos, pero non podemos pensar en saír ao empate. Temos que saír a gañar, como sempre facemos en ABANCA-RIAZOR e tentar gañar o partido para que así non teñas que estar a depender das últimas xogadas ou o que poida pasar. A nosa mentalidade é gañar o partido sen ningunha dúbida".