RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Ian Mackay: "Un dos segredos deste ano é que a xente que está a xogar menos, aperta máis que a que está a xogar"

Ian Mackay asume con "a máxima normalidade" as críticas e os eloxios, como os derivados da súa parada do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o Racing de Ferrol, tal e como manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR: "Hai pouco non estaba no mellor momento e tiña que aguantar as críticas. E agora porque faga unha parada tampouco vou ser o mellor do mundo. Estamos nun Club que sabemos que ten moita magnitude en todo o que se faga, tanto para o bo como para o malo. Para min é tentar estar o máis estable posible e estar en boa liña para poder axudar ao equipo. Oxalá teña que facer poucas paradas como o outro día, que non chegaron moito; e ao final a que chegou tiven a sorte de poder parala. Non conseguimos gañar, pero conseguimos sacar un punto".

Fai autocrítica e admite que neste tramo da temporada, "non estamos quizá todo o fluídos que nos gustaría no xogo. Non estamos a sacar os resultados e ao final estanos custando materializar as ocasións que estamos a ter. Nos últimos 6 partidos, en 4 non conseguimos meter gol. Está a lastrarnos. Antes entraban sen querer e agora non están a entrar. Eu confío plenamente en todos os meus compañeiros, nos dianteiros que temos que son os máximos goleadores da categoría: Quiles con 10 e Miku con 9. Como para non confiar neles. Isto é un traballo grupal de todo o equipo e espero que esta semana consigamos romper esa mala xeira na área contraria e unha vez que entre a primeira, van entrar todas".

Tamén indica que "atrás quizais non estabamos a ser todo o solventes que nos gustaría. Agora levamos unha boa xeira de 2 partidos coa portería a cero e iso é importante nesta categoría para seguir puntuando e sumando os máximos puntos posibles. Se pode ser de tres en tres, mellor".

De todos os xeitos, con todas as opcións de lograr o obxectivo, segundo o porteiro coruñés "un dos segredos deste ano é que a xente que está a xogar menos, aperta máis que a que está a xogar. Hai exemplos moi claros que é incrible como o están facendo: tanto xente como Rafa de Vicente, Granero, Menudo, Aguirre, Doncel... poño estes casos porque os que están a ter menos minutos, están a adestrar espectacular e están a apertar aos que están a xogar. Iso fai que o nivel de adestramentos e do equipo suba. Están a ter un comportamento espectacular e suman incrible desde fóra. Ao final hai un adestrador que é o que decide que once xoga e máis os cambios, pero o ambiente no vestiario é incrible e hai que apuntar que eses xogadores que teñen minutos o comportamento que están a ter, que está a ser incrible".

Do choque deste sábado 12 de marzo no Nuevo Vivero ante o CD Badajoz, apunta que "todas as fins de semana temos a obrigación de gañar. Entón sabemos que temos que ir gañar e témolo asumido. O rival é complicado, leva 5 xornadas sen perder. Teño ex compañeiros nese equipo que sei que teñen moitísimo nivel. Tiveron moitos problemas de cobro, que é o que lles estaba lastrando. Agora estase arranxando, ou iso teño entendido. Vai ser un partido moi complicado, moi disputado nun campo moi bonito. Oxalá nos levemos os 3 puntos que é o que queremos e volver a casa contentos".

Desvela Mackay a causa do seu rápido regreso aos terreos de xogo despois da súa escordadura de nocello: "Son moi cabezón. Cando me lesiono, só vivo para a lesión. Teño a sorte de que en casa me axudan e saben que son así. Desde o momento da lesión, desde que me dixeron o que tiña, na miña cabeza só estaba chegar para o partido do Racing porque sabía que para o Sanse ía ser imposible. Dei todo para poder estar. Todo e máis diría case".

Preguntado polos problemas cos que se está enfrontando a Primera RFEF, o gardameta branquiazul lembra que "é unha competición nova, que se ten que ir moldeando e facéndose máis profesional co paso dos anos. Temos o caso do Extremadura, decateime onte o de Footters e a retransmisión... Eu creo que co paso do tempo vai ser máis profesional e vai estar todo máis estable do que está a pasar".

Advirte que "se queremos darlle un punto de profesionalidade, o do VAR é importante no fútbol para que non haxa eses erros e aos árbitros axúdelles. Sería un punto a favor importante para a competición".

Subliña sobre o Extremadura UD que o feito de que "un equipo se teña que ir da competición en metade da temporada é algo que non debería pasar. Eu non estou nese Club, non sei o que pasou, pero dá pena".

En canto á man de Yeferson Quintana do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR, cre que "é difícil non vela. Está claro que se non a pitou é porque non a viu. É moi clara, é unha xogada moi, moi, moi clara, de penalti e expulsión. Xa sei que o penalti hai que metelo logo pero xa quedaría cun xogador menos o Racing de Ferrol, entón poñeríase o partido máis a favor nosa. As arbitraxes abren os partidos cando están pechados, cando os equipos están a defender ou cando pasan esas xogadas. Cando non se xoga ben e gáñase 1-0, aínda que sexa de penalti, son tres puntos igual. É unha xogada que saíu en todos sitios, déuselle moita magnitude porque foi moi claro. Xa pasou, estamos amolados porque é unha xogada moi clara".

Tamén recalca que, respecto dos cartóns amarelos, "non é o mesmo que lle quiten un cartón no minuto 8 ou 10 a un dianteiro que a un mediocentro ou a un lateral esquerdo, porque non podes ir tan agresivo a roubar... Aos árbitros cústalles un pouco máis, non pitarnos a favor, digamos pitar as cousas que ven connosco porque parece que lle van a dicir algo porque somos o Dépor. Eu non quero que me dean nada que non é. Só pido que nos piten o que é, nada máis; que non nos regalen nada, só que nos piten o que é".