RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
VETERÁNS

Idígoras, deportivista na campaña 1966-1967, faleceu aos 79 anos

- Idígoras, agachado no centro, na visita branquiazul ao Espanyol, equipo que o cedeu ao Deportivo, na campaña 1966-1967 -

Manuel Idígoras Aspiazu, xogador do Deportivo durante o curso 1966-1967, faleceu hoxe en Sevilla, terra da que era orixinario, aos 79 anos de idade.

Idígoras era un dianteiro centro de gran poderío físico, que chegou ao club deportivista cedido polo RCD Espanyol para reforzar ao equipo coruñés mediado aquel exercicio, en xaneiro de 1967.

Os branquiazuis ocupaban o último lugar da clasificación trala 16ª xornada e necesitaban estímulos para saír do pozo. Idígoras debutou nada máis chegar, o 15 de xaneiro en Riazor fronte ao Córdoba, e fíxoo con vitoria (2-0). O sevillano compartiu liña de ataque con Suco, Sánchez Lage, Pellicer e Loureda.

Pouco despois chegaría o cántabro Goñi e, ao tempo, producíase a substitución no banco. Dagoberto Moll substituía a Enrique Orizaola, trala derrota en Riazor ante o Sabadell na 19ª xornada.

O Deportivo acabaría descendendo a Segunda División. Idígoras disputou 12 partidos (11 de Liga e 1 de Copa) como branquiazul, nos que anotou 3 goles.

Formado no xuvenil e o filial do Sevilla, xogou 2 temporadas co primeiro equipo hispalense, antes de ser traspasado ao Espanyol. En Sarriá estivo 4 campañas e media. Tralo seu paso polo Deportivo, Idígoras fichou polo Levante. A súa estatística en Primeira División suma 86 encontros e 13 goles.

O RC Deportivo desexa mostrar os súas máis sentidas e sinceras condolencias a familiares, amigos e excompañeros de Idígoras. DEP.