RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Imos con ilusión e enerxía a enfrontarnos a un equipo que será de Primeira", asegura Fernando Vázquez

Fernando Vázquez manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "imos con ilusión e enerxía para enfrontarnos a un equipo que creo que será de Primeira o ano que vén", en referencia ao Real Zaragoza, rival mañá domingo 23 de febreiro na Romareda (16:00 horas, #Vamos).

O técnico deportivista confesa que "todos sentimos unha dor impresionante por Michele Somma. É un rapaz cuns valores impresionantes para un equipo. O vestiario sente afectado o seu problema. Unha pena, unha mágoa pero temos que mirar cara a adiante".

Do Zaragoza, comentou que é "un equipo histórico de Primeira División. Leva moitos anos en Segunda. Teñen unhas ganas tremendas de volver a Primeira. Creo que lles toca este ano. É un equipo equilibrado, con futbolistas de peso. O traballo de Víctor Fernández está a dar resultados. Para min ten todos os boletos".

Respecto dos obxectivos do Dépor, aínda que "de cando en vez poño as luces longas tamén", asegura que pase o que pase mañá non cambiará o seu discurso: "Direi exactamente o mesmo, que nos quedarían 5 partidos para ter a seguridade que nos imos a salvar. Unha vez que teñamos estes puntos, poderemos pensar noutra cousa. Fariamos dano ao equipo se cambiamos as expectativas antes de cumprilas. Paréceme pouco intelixente".

Ademais, Fernando Vázquez resalta que "aquela frase de que primeiro é o equipo, os futbolistas fano realidade porque se adaptan perfectamente ás necesidades do equipo. Parece fácil pero ten a súa complexidade. Niso estou a insistir moito e estou encantado".