RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Imos entrar na mellor época

"Un título sería moi bonito, e eu celebraríao máis que ninguén; pero o que quero é que o Deportivo estea, un ano máis, aí arriba". O presidente do Real Club Deportivo da Coruña, Augusto César Lendoiro, ten bastante claro o que desexa para a tempada que ac

Foi especialmente difícil este verán?

Todos os veráns son duros, pero este, si, foi un pouco máis, porque había que solucionar temas moi importantes: tiñamos todo o asunto da televisión, o traspaso de Makaay, a saída de doce ou catorce xogadores e a incorporación dalgúns homes que pensamos que poden ser moi importantes deportivamente e, ao mesmo tempo, moi rendibles economicamente. Ao final creo que todas as operacións pecháronse satisfactoriamente.

Vaiamos por partes. Fichouse a Munitis, Munúa e Songo'ou...

Munitis e Munúa son dous xogadores que están chamados a ser importantes no Deportivo, con presente e con futuro, e ademais nunhas condicións económicas asumibles, algo moi importante cando sabemos que estas situacións están a variar no mundo do fútbol. Songo'ou é un xogador que volve a casa, a unha casa na que é moi querido, é un home que deu moitas tardes de gloria ao Deportivo e, como Donato, a unhas idades que non son normais.

Este ano non haberá persoal superdimensionada...

Non, por primeira vez imos ter a todos os xogadores colocados. Nese sentido creo que se abre unha nova etapa, porque o ano que vén xa non imos ter que colocar a catorce xogadores; talvez a catro, cinco... Creo que imos entrar na mellor época, nese aspecto, do Deportivo, porque imos ter bos xogadores, e menos xogadores que os últimos anos. Se cadra dentro de dous anos xa non hai que preocuparse de dar saída a ningún, senón que teremos que incorporar algunhas novidades. É un cambio moi importante tanto no plano deportivo como no económico, xa que a redución que se vai a producir neste aspecto será moi grande, non só por pagar menos fichas, senón porque estas serán de importe menor e de moito menor número de xogadores. Sen dúbida, o orzamento do Club reducirase, por estes motivos, en dous ou tres anos.

O traspaso de Makaay tivo, visto desde fóra, moitos dimes e diretes, incluídas as declaracións dos directivos do Bayern Munich. Foi tan complicado o asunto?

Son momentos de tensión, nos que cada un defende a súa parcela e nos que se fan declaracións ás que, claro, hai que contestar. Pero a solución foi, eu creo, a mellor para todos: para o xogador, que era o que máis o desexaba; para o Bayern, que estaba ansioso por telo, e para o Deportivo, que era algo así como o convidado de pedra, porque nós non pensabamos en ceder os dereitos federativos de Makaay, pero vímonos obrigados ao negarse o xogador a renovar e quedarlle só unha tempada connosco.

Suponse que o feito de que un xogador queira irse pesa o seu...

Pero é que os xogadores teñen dúas varas de medir. Ningún vén, cando ten un refacho malo e, polo que sexa, non xoga, a pedirche a rescisión do contrato; en cambio é frecuente, e desagradable, que cando teñen contratos longos ou medios expóñanche que como están a render ben queren modificar o contrato á alza... Pero o caso de Makaay non vai ser, en absoluto, un exemplo para o futuro; unha cousa é que un xogador se queira marchar, e outra... No caso dun xogador con contrato curto, como neste caso, era un risco quedar con el, porque podería irse moi pronto sen que o Deportivo percibise nada; pero a un xogador con contrato longo non o imos a traspasar, salvo que esteamos moi interesados nas condicións da operación.

Operacións que, este ano, vistos os casos de Makaay e Beckham, xa non teñen o montante que tiveron ata agora.

Non hai dúbida de que estamos ante uns parámetros que non son os de hai uns anos, tanto para prezos de traspasos como para as condicións económicas dos propios futbolistas. Hai que adoitarse a isto, e veremos como nos próximos anos os contratos serán substancialmente distintos. Se se reducen os ingresos por TV e pola liga de Campións, e non se incrementa outro tipo de negocios, é evidente que os orzamentos haberán de reducirse, e un altísimo tanto por cento dos orzamentos lévanllo eses dous conceptos: pago de traspasos e pago aos futbolistas.

O novo contrato de TV é o mellor dos posibles?

Substancialmente é distinto, ten pouco que ver co anterior, que incluía os dereitos da liga de Campións, da UEFA, dos amigables, do Teresa Herrera, do patrocinio da camiseta, do merchandising... Agora, se sumamos o que representa o contrato en si e os dereitos cos que quedamos nós, é superior ao anterior, non direi que con fartura, pero si notablemente, porque como o Club recupera unha serie de dereitos que antes non tiña, imos percibir globalmente unha cantidade superior á que obtiñamos estes últimos anos.

Séguese falando moito da débeda do Deportivo...

Estes son temas difíciles de transmitir nun flash. O que todo o mundo debería ter claro é que necesitamos o apoio das institucións, a confianza das entidades financeiras; o Deportivo xamais deixou de pagar unha débeda. Pero ves que Caixa Madrid actúa dunha forma co Real Madrid, a Caixa co Barcelona, e aquí... O fútbol é, na Coruña, o único espectáculo que non está subvencionado, e en cambio o Deportivo está a subvencionar a imaxe da cidade, xa que esta cidade só paga o dez ou doce por cento do noso orzamento, e o demais hai que buscalo fose; non ten sentido que se fose coñécennos sobre todo polo fútbol teñamos que ser sempre nós sós quen teñamos que buscar a forma de acabar cada exercicio con superavit, cousa que espero que suceda este ano por décimo sexta vez. Evidentemente nós temos débedas, que é o único que sae á luz, pero tamén nos deben, e iso é o que non se di. Non se pode `vender' como débeda o que nós debemos aos demais, a cinco, sete ou dez anos, e en cambio non se valoren do mesmo xeito as débedas que outros teñen connosco, e falo de televisións, patrocinadores, publicidade, palcos... Son ingresos que están aí, pero parece que hai quen non quere darse conta.

O presidente chegou a dicir que a situación é difícil...

A situación, sabémolo todos, non é fácil; se tivésemos que ter un equipo compasado cos 1.500 millóns de pesetas que proporciona A Coruña estariamos a xogar en Segunda, algún ano en Segunda B e outros en Primeira, pero en posicións de descenso, como foi tradicional na historia do Deportivo. Nós tentamos ir moito máis alá, arriscando, como é lóxico, pero tendo moitos xogadores que neste momento, no mercado español e internacional, poderíanse cotizar nuns niveis que poderiamos eliminar esa teórica débeda dunha plumada; que non valería, nun mesmo ano, a venda de Valerón, de Tristán, de Naybet, de Andrade, en fin, de tantos e tantos xogadores internacionais que temos... Iso sería bo? Non, eu creo que iso sería negativo; hai que medir moito cando vendes os dereitos federativos dalgún xogador e ata onde os podes vender para non perder o nivel de competitividade que tes con respecto aos demais.

Parece que o conseguido a tempada pasada soubo a pouco ao afeccionado, e un pregúntase se falta memoria, ou se a afección non é tan boa como se cre...

Non, a afección é moi boa; os medios informativos... non tanto. O Deportivo estivo vinte anos en Segunda, con descensos a Terceira e a Segunda B, e a cidade é a mesma... Fomos terceiros na liga, semifinalistas de Copa, seguimos na liga de Campións, estamos entre o oito mellores equipos de Europa, cun coeficiente, como se acaba de ver no sorteo, superior ao de Milán, que é o vixente campión... Hai xente que critica, non sei, poida que porque é madridista, porque é `anti', tamén por razóns extradeportivas... Pero eu creo que a xente do pobo, a de verdade, a que non ten maldade, a que sente e vive estas cousas, está envorcada co Club e aínda non dá crédito ao que está a ocorrer; e é que, a verdade, é como para non darllo...

Tempada nova; obxectivos vellos? Cales son, ou cal é, o obxectivo do Deportivo para a tempada actual?

Nós, como sempre, iremos a por todo. O importante é facer o que se pode facer... e un pouco máis. Así que, en principio, pensas no tres títulos; sabes que é practicamente imposible, pero para baixar xa haberá tempo. O que nunca imos dicir é que cubrimos obxectivos con entrar na Copa da UEFA... porque non os cubrimos. Pero hai que pensar onde estamos, e no que nos custou chegar aquí. O Deportivo é o primeiro abanderado da cidade; noutros niveis o único que nos podería discutir esta posición é un `monstro' como Zara; pero todo o mundo sabe, por aí fóra, de onde é o Deportivo. Nunca se lle agradecerá ao Deportivo o que fixo pola Coruña, por Galicia... Nunca, nin cando xa non esteamos nós. E, por desgraza, somos nós quen o temos que dicir, coma se non tivésemos avoa.

Clasificarse por quinto ano consecutivo en `Champions League'...

Seguiriamos onde estamos. Que eu saiba, en toda a historia da máxima competición continental, Champions League ou Copa de Europa, só o Madrid e o Barcelona estiveron aí catro anos seguidos. No últimos catro anos somos claramente o segundo equipo de España, e moi cerquita do Madrid; e nos últimos doce, somos o terceiro. E doce anos xa son moitos, non é un refacho; o equipo cambiou tres veces nese tempo, só algúns xogadores, como Fran e Mauro, vivírono todo...

Un título sería a guinda...

O que de verdade é importante é seguir ao nivel no que estamos, entre o oito ou dez mellores equipos do mundo, manter o nivel de privilexio que temos en España, onde podemos ser campións de Liga ou de Copa calquera ano, onde a xente ten asumido que o Deportivo é un grande de España, de Europa, do mundo... Logo, pois sería precioso ser campións de Europa, sería moi agradable e gozariámolo todos moitísimo, eu o primeiro, porque haberá quen o goce tanto como eu, pero non máis que eu, igual que non hai ninguén que sufra máis que eu, porque nola estamos xogando continuamente no arame e sen rede...

Hai moitos máis temas, como o proxecto de novo estadio -"parece descartado que nos deixen facelo onde tería que estar, que é en Riazor.. está a alternativa de San Diego e está a oferta, que agradecemos moitísimo pero aínda non profundamos, do alcalde de Culleredo..."-, o `mundo do fútbol' de Abegondo, a dor pola morte de Andrés Caramés -"un gran amigo, unha grandísima persoa que estivo tantos anos comigo..."-, a presidencia do `G-12', satisfaccións como a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña, o estudo da Facultade de Económicas no que se sinala ao Deportivo como un modelo de club de fútbol, o Teresa Herrera -"este ano non saíu ben, o cambio de datas impediuno, pero eu nunca serei quen dea o cerrojazo a algo tan coruñés como o Teresa Herrera"-... Augusto César Lendoiro vive por e para o Real Club Deportivo, e ten claro o seu mellor desexo: "seguir como estamos, ao nivel que estamos, moito tempo".