RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Imos tentar ter xogadores competitivos cun equilibrio económico", insiste Carmelo del Pozo

Carmelo del Pozo atendeu aos medios de comunicación na sala de prensa de Abegondo. Deixou claro que a estas alturas do mes de agosto, "novidades pode haber en todos os postos do cadro. Até o fin de mercado aquí pode cambiar todo".

Mostrouse "contento" cos laterais zurdos que hai agora mesmo no cadro, Diego Caballo e Luis Ruiz, presentado esta mañá; e lembrou que "o mercado che vai a marcar moitas cousas. Ninguén sabe seguro que imos ter os dianteiros que temos. Hai que estar a gusto e contento co que temos, e eu agora mesmo estou contento co que teño no lateral zurdo".

De Luis Ruiz, indicou o Director Deportivo branquiazul que "o tiñamos no radar porque xa competiu con estas esixencias. Competiu e ascendeu co Leganés. É un xogador que ten bo nivel e sobre todo vén con ganas e fame, que é o máis importante que temos que ter agora, xogadores que teñan un reto, que teñan ganas de vir aquí, de competir ben, de ser un equipo competitivo, un equipo que busca estar arriba na táboa, e que sabe da dificultade da categoría e que sabe que se necesita dar un plus do 120 % en cada momento".

Estas foron ademais algunhas das súas frases:

Nolaskoain
"O Athletic é un club señor. Está a portarse como un auténtico cabaleiro. Nos próximos días veremos se pode aparecer esa posibilidade ou non".

"O rapaz deu un paso moi importante no noso favor. Achegueime a ver (en El Sardinero) ao Racing e ao Athletic. Tiven a oportunidade de falar co rapaz. A sintonía é total co rapaz e o que hai que esperar é o momento para poder acometer esta operación".

Pedro Mosquera
"Pedro como persoa e como xogador é de primeiro nivel. Demostrouno aquí estes anos. É verdade que nestes últimos meses non houbo esa sinerxía entre o departamento deportivo co que el podía dar. Nese momento sentíase un pouco insatisfeito porque non participaba. O Club entendía que era un momento difícil para ter un xogador desa xerarquía nun papel non prioritario. O Club entendeu que se tiña que dar un paso cara a adiante, que foi o que se deu".

"Realizouse un despedimento e veremos o que lle custa ao Club e o que non".

"A situación contractual de Juanfran é distinta á de Pedro Mosquera. Juanfran ten un ano de contrato, cunha cláusula que pode saír libre co que se marcha directamente. Se fai uso desa cláusula loxicamente vaise a rescindir o contrato. Esa rescisión a nós libéranos dunha masa salarial moi importante. Juanfran acóllese a esa cláusula e nós non podemos facer absolutamente nada. Beneficiámonos de liberar unha masa salarial importante nun bo xogador. No caso de Pedro ten un contrato máis longo, máis importante. E esa posibilidade non existe. E como non existe, non hai maneira de arranxalo".

"Como hai unha situación económica importante no Club, por iso tomouse esta decisión tan importante. E o contrato de Pedro Mosquera era moi, moi importante. Hai que tomar unha decisión sobre ese contrato, a presente e a futuro. Os que esteamos agora temos que pensar coma se estivésemos 10 anos no Club. Non arranxar o problema hoxe e o seguinte que se coma os marróns. Eu arranxo problemas para o futuro do Dépor, non para o presente. Non son egoísta. Penso moito no Dépor, máis do que a xente se cre".

Longo
"É un xogador máis. Agora mesmo temos a Fede Cartabia, Diego Rolan, Christian Santos, Koné e Borja Valle. Imos aos poucos, sabendo o que queremos. Temos que traer a xogadores que cremos que son importantes e que nos poidan dar un nivel. Non hai que facer operacións por facelas".

"Longo é un deses xogadores importantes".

Diego Rolan e Turquía
"Hai opcións con varios xogadores e niso estamos. Ás veces a prensa vai por uns sitios, logo son outros. Algunhas cousas da prensa son certas, outras non son tan certas. Son rumores que van aparecendo, pero concreto non hai nada".

Contactos con Juan Carlos Real
"Hai moitos xogadores no mercado. Agora mesmo temos 21 xogadores. Juan Carlos podía ser un xogador interesante. Nun principio o xogador pensaba nuns niveis económicos que o Dépor non pode pagar. Nesa situación non avanzou nada máis. O axente comunicounos que tiña ofertas do estranxeiro e de Primeira División. Entendemos que non tiñamos esa capacidade".

Róber Pier
"Está a negociarse co Levante e veremos se se chega a un acordo".

Situación económica para competir en Segunda División
"O equipo pode competir. Ten 21 xogadores e unha masa salarial con capacidade para manexala con certo criterio".

Saídas de futbolistas (Cartabia, Rolan...)
"Quedando case un mes, non sabemos se van saír ou non van saír. Inflúe bastante os desexos dos xogadores e o equilibrio do cadro. O normal sería ter 2 xogadores por posto. Imos tentar ter xogadores competitivos cun equilibrio económico. O equilibrio económico está por encima de moitas cousas".

"Preocúpome da 19-20, da 20-21, da 21-22... Diso é do que me teño que preocupar, aínda que o meu contrato non chegue até iso. Non asino un xogador para que agora arránxemo (o problema) e o que veña despois que o arranxe. Eu preocúpome do agora e do futuro. Por iso as negociacións son tan longas. A xente quéreas curtas, pero eu fágoas longas porque teño que pensar no que vai pasar diante. É moi importante".

Fórmula de Pedro Mosquera (rescisión de contrato) nalgún outro xogador
"Non o descarto".