RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Información DéporCampus Cabreiroá 2020

Dada a situación actual, o Real Club Deportivo está a traballar na posible organización e planificación dos DéporCampus Cabreiroá de verán 2020, sempre pondo como prioridade a seguridade de todos e cada un dos seus participantes, tanto técnicos como alumnos.

Nas próximas semanas e a partir do próximo mes de xuño, seguindo as indicacións e recomendacións da Xunta de Galicia, sobre as actividades deportivas e de lecer ao aire libre, estudaranse as medidas de organización e ofertaranse as actividades que poidan levar a cabo, así como o número de prazas dispoñibles para cada actividade.

Publicarase toda a información das actividades, as datas e as sedes definitivas, na web www.deporcampus.rcdeportivo.es (Inicialmente para os meses de agosto e setembro) así como todos os protocolos de seguridade para que poidan realizarse todas as actividades correctamente.

Entre algunhas das medidas extraordinarias que se aplicarán e que se irán ampliando nos próximos meses, destacan as seguintes:

- Reforzo no proceso de inscrición, todas as familias deberán aceptar unha participación responsable onde se confirme que alumno/a non estivo en contacto con persoas con COVID-19 nin presenta síntomas. Igualmente, os técnicos participantes.

- Estableceranse medidas de control de acceso ás instalacións, tanto de chegada como de saída para evitar aglomeracións entre familiares e que os xogadores/as poidan acceder directamente ao campo de fútbol.

- Aplicaranse medidas de desinfección e hixiene no material deportivo utilizado, que será sempre o mesmo e específico para cada grupo.

- Uso de máscara, así como xel hidroalcohólico para a completa protección e prevención na actividade.

- Non se compartirán botellas de auga.

- Adaptaranse as actividades deportivas, para aproveitar ao máximo o espazo, baixo unha metodoloxía que permita traballar os contidos dunha maneira máis analítica.

- Antes de iniciar a actividade, levaranse a cabo charlas informativas por parte dos técnicos, para explicarlle aos nenos e nenas as novas normas e medidas de seguridade.

Despois dun longo período de confinamento, ademais da formación puramente deportiva, buscarase facilitar a conciliación familiar e dar apoio ás familias así como realizar actividade física nunhas condicións adecuadas.

Nas próximas semanas, unha vez completado o proceso de desescalada, ampliarase a información e xestión das actividades na propia plataforma.

Para calquera dúbida ou aclaración, poden escribir directamente a deporcampus@rcdeportivo.es