RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Inxusta derrota branquiazul ante o Elche CF (1-3)

O Deportivo perdeu inmerecidamente no Estadio ABANCA-RIAZOR fronte a un Elche CF ao que foi superior durante gran parte do partido pero que abriu o marcador de falta no seu primeiro disparo a porta e puxo o 1-2 de penalti no segundo.

Luis César, preparador branquiazul, realizou tres cambios con respecto ao equipo que saltou de inicio na pasada xornada en Fuenlabrada. O fabrilista Mujaid entrou no lateral dereito polo sancionado Eneko Bóveda, mentres que na zona ofensiva Ager Aketxe e Víctor Mollejo volveron ao once en detrimento de Samuele Longo e Borja Valle, co que Mamadou Koné volveu actuar como '9'.

No seu regreso ao once, Aketxe sacou das súas botas a primeira xogada de perigo do partido. Nunha falta moi lonxana, desde uns 35 metros, o vasco disparou buscando o bote previo, ante a rapidez do campo debido á persistente choiva. Édgar Badía lanzouse cara á súa esquerda e despexou cara a un lateral abortando o perigo.

O Dépor comezou dominando e recuperando o balón con celeridade. Con todo, no minuto 11 Nino deu un serio aviso na primeira acción de ataque do equipo ilicitano, que cortou Lampropoulos en última instancia e atallou con facilidade Dani Giménez. Dous minutos máis tarde, o Elche CF adiantouse no marcador nun libre directo executado por Gonzalo Verdú por encima da barreira no que o porteiro branquiazul chegou a tocar a pelota, que voaba a tanta velocidade que non a puido desviar.

O Deportivo non acusou o golpe, mantendo a compostura e o dominio. Mollejo gozou dunha clara oportunidade tres minutos despois, pero o seu remate mordido, a centro de Salva Ruiz, golpeou nun defensa e foise a saque de esquina.

Superado o ecuador do primeiro período, os branquiazuis igualaron a contenda, ao rematar Mollejo chegando desde atrás un servizo desde a liña de fondo de Salva Ruiz que non acertou a empuxar Koné entrando ao primeiro pau.

Ao fío da media hora, o Deportivo despregaba o seu mellor xogo e acumulaba chegadas á área. Primeiro, por medio de Mujaid, dobrando no extremo dereito. Despois, nun lanzamento afastado con moita intención de Peru Nolaskoain, que se perdeu cerca do pau esquerdo do portal franxiverde.

O equipo visitante gozou das súas mellores ocasións a balón parado. Primeiro, nun córner cabeceado por Manuel Sánchez. Despois, nunha falta lateral que xogaron en curto para facer un dous contra un ante Aketxe e que finalizou cun disparo de Josan sen apenas ángulo que se perdeu moi preto do traveseiro da portería coruñesa.

Ao fío do descanso, ambos os equipos tiveron oportunidade de marcar en senllos remates coa testa. Primeiro, Claudio Medina cabeceou un centro de Gonzalo Villar moi preto do poste esquerdo do portal deportivista. Despois, Mollejo cabeceou de costas a portería unha falta lanzada por Montero, que o porteiro visitante detivo sen apuros.

Co empate a un tanto chegouse ao intermedio.

A segunda parte empezou con polémica, posto que o colexiado non castigou unha clara man dentro da área, cometida por Gonzalo Verdú despois de fallar o despexe a un centro de Mollejo e desviar a pelota a córner co seu brazo dereito. A pesar da consulta co VAR, Varón Aceitón, Díaz de Mera Escuderos indicou saque de esquina. Corría o minuto 50.

Cinco minutos máis tarde volveu adiantarse o Elche CF, de novo a balón parado. Esta vez nun penalti cometido por Dani Giménez sobre Claudio Medina que transformou Fidel enganando ao gardameta deportivista.

O Dépor tardou 10 minutos en responder. Foi noutra chegada de Salva Ruiz pola esquerda, esta vez cun centro buscando a cabeza de Mollejo. O croque limpo do extremo sacouno in extremis, cunha gran intervención sobre a mesma liña de gol, o gardameta visitante.

Co Depor envorcado en busca do gol do empate, unha perda de balón en mediocampo xerou un contragolpe en vantaxe numérica a favor do Elche CF. Nino disparou con forza, Dani Giménez rexeitou o disparo pero o rebote caeu a pés de Pere Milla, que puxo o 1-3 a pracer, no minuto 87.

Nos minutos finais, Aketxe, Borja Valle e Christian Santos estiveron preto de anotar en disparos afastados para achegar aos branquiazuis no marcador, pero todos os balóns perdéronse preto do portal ilicitano.

Con esta nova derrota, o Deportivo continúa na cola da clasificación con 10 puntos despois de 15 xornadas.

RC Deportivo: Dani Giménez, Mujaid (Borja Galán, min. 81), Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz, Álex Bergantiños (Christian Santos, min. 70), Peru Nolaskoain, Jovanović ( Borja Valle, min. 59), Aketxe, Mollejo e Koné.

Elche CF: Édgar Badía, Óscar, Gonzalo Verdú, Dani Calvo, Juan Cruz, Josan (Iván Sánchez, min. 53), Manuel Sánchez, Gonzalo Villar, Fidel (Pere Milla, min. 69), Nino e Qasmi (Claudio Medina, min. 37).

Goles: 0-1 Gonzalo Verdú (min. 13); 1-1 Mollejo (min. 26); 1-2 Fidel, de penalti (min. 56); 1-3 Pere Milla (min. 87).

Árbitro: Díaz de Mera Escudeiros (c. castelán-manchego). Cartón amarelo a Manuel Sánchez (min. 7), Álex Bergantiños (min. 14), Qasmi (min. 15), Montero (min. 31), Mollejo (min. 51), Juan Cruz (min. 75), Salva Ruiz (min. 79) e Iván Sánchez (min. 83).

Incidencias: partido da 15ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 11.690 espectadores.