RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Iris Arnaiz móstrase contenta coas renovacións e opina que "o ano que vén será aínda mellor"

Iris Arnáiz, unha das capitás do Deportivo ABANCA, atendeu esta mañá ás preguntas dos medios de comunicación na sala de prensa virtual do RC Deportivo.

Pensa sobre o desenlace da competición que "me gustaría xogala obviamente, coa certeza e a seguridade de que non lle pasase nada a ningunha xogadora nin a ningún espectador. Estas 8 xornadas ían ser moi interesantes. Anulala ou aprazala sería inxusto para moitos equipos pola traxectoria que levaban. Tamén sería inxusto para as categorías de abaixo porque moitos equipos xogarían playoff e estarían en condicións de subir á Primera Iberdrola. Son situacións complicadas que habería que mirar moi ben. Nós estamos contentas porque acabamos cuartas no último partido e nese aspecto estamos contentas".

Nesta situación especial de confinamento bota de menos "ás miñas compañeiras, estar tamén cos do corpo técnico, os adestramentos. Agora valoramos moitísimo máis todo isto. Os nervios previos ao partido que son sentimentos que nos fan sentir vivas".

Móstrase moi "contenta de que a maioría das miñas compañeiras sigan o ano que vén. É un punto forte que temos. Xa se viu este ano, que estamos practicamente as mesmas que no ascenso. Coñecémonos do ano pasado, levamos máis tempo xuntas xogando e iso transmítese no campo. Temos unha piña dentro do vestiario que é moi boa e nótase cando estamos a xogar. As fichaxes que chegan van sumar. Saben facer ben o traballo. Calquera se pode adaptar ben á Coruña porque á parte de ser unha cidade incrible, é o mellor club que hai en Galicia e pon as cousas moi fácil. Non me arrepinto de nada de renovar".

Nesta liña, apunta que "a base sólida xa a tiñamos. A xente pensaba que igual necesitabamos este ano outro tipo de xogadoras para o noso primeiro ano en Primeira División. Collemos outro ano máis de experiencia, aprendemos moitísimo este ano. Para o ano que vén imos seguir aprendendo e imos demostrar outro tipo de cousas. Estou moi contenta de que renoven practicamente a maioría das miñas compañeiras porque somos todas necesarias. Estaba a ver que a temporada se complicaba un pouco con partidos mércores e domingos. Demostramos que estamos todas capacitadas para ser titulares; e para dar todo de nós e axudar ao equipo. Estou moi contenta co traballo que fixemos e o ano que vén será aínda mellor".

Escoller un momento complicado, para Iris, é "complicado porque foi un ano moi bo. A primeira vitoria contra o Espanyol en casa foi unha sensación incrible, o primeiro partido gañado co Deportivo ABANCA en Primeira División e ademais na nosa casa. O partido remontando ao CD Tacón, a Copa xogando en ABANCA-RIAZOR contra a Valencia e logo no Estadio Johan Cruyff aguantando ao FC Barcelona até o último segundo. Quedo con moitísimas cousas este ano".

Os seus referentes no fútbol feminino son "Claudia Zornoza (Levante UD), é unha xogadora que considero espectacular. Ten nivel dabondo para estar na selección pero é moi difícil. Silvia Meseguer (Atlético de Madrid Feminino) tamén me parece unha xogadora moi boa. E Vanesa Gimbert (Athletic Club). E no fútbol masculino, Busquets (FC Barcelona), que é un xogador que xoga na miña posición e é un referente a nivel mundial como pivote defensivo".

Confesa que lle preocupa que esta situación de confinamento poida repercutir no seu rendemento no tramo final da liga: "Os adestramentos que estamos a facer en casa, que nos manda Lucía (Piñeiro, preparadora física) non son os mesmos que se podían facer en Abegondo. Tes esa incerteza de como volverás, de como che afectará ao rendemento. Tentaremos volver o mellor posible e que en pouco tempo volveremos coller a forma porque ao final os adestramentos de Lucía son bastante intensos e adáptanse un pouco ás nosas necesidades como a velocidade, a forza".

Conta que os xogos psicolóxicos e retos nas que participan todos os compoñentes do primeiro cadro "está a axudarnos moito a todas. Ademais de estar un par de horas entretidas, xunto ás outras 2 horas de adestramento, fainos moito máis ameno o día. É unha moi boa iniciativa porque se mantén o contacto con todas e van sumando aos poucos".

Tamén apunta que é "lóxico" que algúns clubs se apunten aos ERTES. "En todos os sectores está a aplicarse a todos os traballadores. E non ía ser menos o ámbito deportivo. Son situacións que non se poden controlar, que tes que amoldarte e adaptarte", engade.

Iso si, cre que non perigan as medidas logradas polo convenio colectivo do fútbol feminino aínda que "afectarán doutra maneira. Esperemos que acabe canto antes e afecte o menos posible ao convenio".