RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Iris cre que o partido ante o Espanyol é "a nosa última oportunidade para estar enganchadas aí e conseguir a permanencia"

Iris Arnaiz atendeu aos medios informativos esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

A capitá branquiazul admite que a derrota da pasada fin de semana en Sevilla foi "un pau bastante duro para nós. Non saíu como esperabamos".

A seis puntos do Real Betis, equipo que marca agora mesmo a permanencia, apunta o mediocentro deportivista que o Dépor ABANCA encara o partido deste sábado 15 de maio en Abegondo (16:00 horas, GOL) ante o RCD Espanyol, un rival directo, como "unha final. É o que é. É a nosa última oportunidade para estar enganchadas aí e conseguir a permanencia. Afrontámolo con moitísima ilusión e moitas ganas porque todas queremos sacar isto adiante; e canto antes mellor".

Reitera que "é a nosa última oportunidade pero creo que vai saír ben porque estamos afeitas xogar baixo esa presión. Temos moitas ganas de que sexa sábado porque queremos que chegue xa o partido para gañar; e se podemos gañar o golaverage particular (3-2 foi o resultado na primeira volta en Barcelona) moito mellor".

Asegura que "fisicamente estamos preparadas porque desde que xogamos contra o UD Granadilla alí (o pasado 5 de xaneiro) cambiamos o chip tanto física como mentalmente. Subimos máis o nivel. Psicoloxicamente é duro porque levas toda a temporada aí abaixo. Ves que estás a facer as cousas e que non che saen. E agora ao final estascha xogando de verdade. Só pensamos no Espanyol. Temos que gañar si ou si. É o que imos facer e a partir de aí xa pensaremos no partido do Atlético, o Sporting Huelva e os demais".

De feito, apunta que "cando perdes partidos importantes ou cando che meten moitos goles, a viaxe de volta ou despois de xogar aquí en casa facer duro, bótaseche todo encima, velo todo moi negro. Pero ao día seguinte tes que estar lista para afrontar outro novo reto. Xogadoras como Alba Merino ou Noelia Villegas son as que máis tiran de nós porque xa viviron estas situacións, saben como se teñen que sacar e saben que o malo non serve para nada, tes que estar sempre dándoo todo ao máximo, sexa a situación que sexa".

Recoñece Iris Arnaiz que un dos defectos esta temporada do equipo son os goles recibidos a balón parado: "Non estamos a ser moi duras. Non se se foron en total sete ou oito goles que nos fan en balón parado. É un punto débil pero estamos a traballar niso. É unha acción colectiva que temos que estar concentradas no tempo que dure a xogada. E sobre todo gañar as segundas xogadas, que é o que máis dano nos fai".

Do rival, o RCD Espanyol, destaca a presenza da ex deportivista Maya Yamamoto: "É a xogadora diferencial. A fin de semana pasada non xogou de titular e sorprendeunos a todas. Xa a coñece todo o mundo. Tecnicamente é espectacular: sabe protexer ben o balón, ten unha visión de xogo incrible, vai ben de cabeza a pesar de que é baixiña. Encantaríame que estivese no meu equipo pero por desgraza non é así".

Finalmente, lembra Iris que tamén no conxunto catalán "Baudet é unha xogadora incrible, Anair Lomba está a dar un nivel espectacular. Teñen xogadoras moi interesantes que vai haber que tapar e sufrir con elas. Estamos preparadas para iso".