RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime Agulló Blasco, xogador deportivista no curso 1957-58 e pai de Agulló, faleceu aos 91 anos

Jaime Agulló Blasco (Elxe, Alacante, 17 de xullo de 1931), xogador deportivista durante un breve período de tempo e pai dun dos máis destacados xogadores branquiazuis dos anos 80, faleceu hoxe mércores aos 91 anos de idade.

Jaime Agulló fichou polo Deportivo no segundo tramo da Temporada 1957-1958, a primeira en Segunda División despois da mellor xeira do Club na máxima categoría (nove temporadas entre 1948 e 1957), procedente do Hércules CF alacantino. Foi aquela a temporada da dramática promoción de permanencia en Segunda fronte ao CD Ourense, na que emerxeron como salvadores deportivistas os luso-angoleños irmáns Mendonça, Jorge e Fernando.

Agulló pai aterrou no Deportivo para ser sometido a proba a comezos de decembro de 1957. Rapidamente convenceu ao técnico Roberto Rodríguez Ozores, que o fixo debutar o 22 de decembro de 1957, en partido da 14ª xornada fronte ao Basconia (2-1) en Riazor no que soamente tardou 12 minutos en estrearse como goleador. A súa última actuación foi o 20 de abril de 1958, en choque correspondente á 28ª xornada ante o Racing de Ferrol (0-1) en Riazor.

O paso polo Deportivo de Agulló pai, que actuaba como dianteiro centro ou interior, non foi nin exitoso nin lonxevo, aínda que si deixou un notable rexistro goleador, posto que marcou 4 goles nos seus 8 partidos oficiais vestido de branquiazul, todos eles no campionato ligueiro.

Máis transcendente foi o seu legado, pois o seu fillo, Jaime Eduardo Agulló Quintela, nacido na Coruña, militou durante 8 temporadas no primeiro equipo deportivista (1981-1989), co que disputou 195 partidos oficiais e anotou 9 goles. Con anterioridade tamén xogou varias campañas no Fabril (1979-1982, 33 partidos e 8 goles).

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos e ex compañeiros, en especial ao seu fillo Jaime Eduardo. DEP