RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime ve un vestiario "unido" e "confiando plenamente"

Jaime Sánchez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o vestiario, como todo o ano, segue moi unido. É verdade que temos a necesidade de gañar, pero estamos tranquilos. Sabemos que podemos facelo como levamos facendo toda a temporada. Estamos tranquilos e con ganas de que chegue o partido xa", en referencia á visita do Racing de Ferrol a ABANCA-RIAZOR prevista para este sábado 5 de marzo ás 19:00 horas (Footters).

Admite que "ás veces é complicado ter paciencia cando pasas por un mal momento, pero nós dentro do vestiario estamos moi unidos e pedímoslle a #ANOSAFORZA tamén que siga connosco como até agora, porque para nós son moi necesarios e dannos ese puntiño que nos falta. Só pedimos iso, que sigan connosco e que nos animen en cada partido como fixeron durante todo o ano".

Igualados a puntos na cabeza da táboa co Real Racing Club, aínda que os santanderinos leven un partido menos, o defensa deportivista opina que é "unha situación nova porque ultimamente estabamos a lle sacar unha vantaxe importante ao segundo".

A pesar diso, asegura que o equipo afronta o encontro deste sábado "igual. Durante todo o ano afrontamos os partidos indo gañalos e agora ten que ser igual: gañar o noso partido e non pensar no que vaia a facer o Racing nin calquera outro equipo. Só pensar en nós e ir gañar cada partido".

Aínda que subliña a tranquilidade e unidade que impera no vestiario branquiazul, "as palabras do Presidente (onte nos almorzos da Asociación da Prensa da Coruña) tamén nos veñen ben. É bo saber que o Presidente está connosco, que está tranquilo, que confía en nós, no míster. Nós confiamos moito en nós mesmos, pero veñen ben as palabras do Presidente".

Obviamente, lembra o central que "cando ganas está todo moito máis tranquilo, pero o que vexo é que a pesar desta pequena mala serie, o equipo segue confiando plenamente. Vexo á xente con confianza en si mesmo e por iso estou tranquilo, porque ao final se confiamos en nós, as cousas van volver a saír, estou seguro. Tranquilidade e confianza no meu equipo ao cento por cento".

No entanto, Jaime tamén fai autocrítica e advirte que "obviamente temos que corrixir cousas, porque cando pasas por un mal momento é por algo que esteas a facer mal. Cousas que deberiamos mellorar o balón parado por suposto, porque nos están rematando bastante; e a falta de goles. Isto vai de xeiras e agora non estamos a ter tanta sorte de cara a gol, balóns que antes entraban agora non entran. En canto ao sistema de xogo iso é cousa do míster. Obviamente temos que corrixir algunhas cousas, pero non facemos moitas cousas diferentes a antes cando gañabamos. Durante todo o ano saíron as cousas mellor, goles que agora non entran antes entraban, pero estou seguro que van volver a entrar porque os xogadores que temos demostraron que poden facelo e estamos tranquilos. Van volver a saír as cousas".

Finalmente, sobre o Racing de Ferrol, indica que "é un rival moi complicado. Ten xente forte, boas individualidades e vainos a poñer as cousas moi difíciles. Xa alí na Malata demostraron que son un gran equipo. Tamén teñen ese extra de motivación cando xogan contra nós e sabemos que vai ser un partido moi complicado".