RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jovanović agradece a asistencia de Koné no seu gol e Salva Ruiz apunta que "o equipo non está morto, nin moito menos"

Jovanović, goleador esta tarde en Santander, e Salva Ruiz atenderon aos medios de comunicación na zona mixta do Sardinero.

O atacante serbio cualificou o seu gol como "importante para min e importante para o meu equipo. Acábase este refacho e imos cara arriba".

Agradece a Koné o seu gran pase: "Moi boa asistencia. Facemos iso nos adestramentos e hoxe metemos gol. Oxalá que no próximo partido podamos lograr os 3 puntos".

Insiste Jovanović en que "temos moi bo equipo, un equipazo, un cadro moi bo. Estamos todos como unha familia. Na segunda parte xogamos moi ben. Na primeira non tan ben".

Queda co punto: "aos poucos. É importante traerse un punto. O Racing non se merece esta posición. Pero o Deportivo para min merece estar en Primeira División. Oxalá que o próximo partido gañemos".

Vaticina que, de cara ao próximo sábado en Fuenlabrada, "se saímos como na segunda parte, creo que conseguiremos os 3 puntos".

A nivel individual, confesou sentirse "moi ben, moi cómodo desde o primeiro día que vin aquí. Os meus compañeiros colléronme con moito agarimo e estou moi feliz".

Pola súa banda, Salva Ruiz comentou que na segunda parte "necesitabamos que se vise un cambio, que se vise outra cousa. Falamos ao descanso e viuse o que queremos que sexa este Deportivo".

Destaca que após pasar polos vestiarios, "xogamos en campo contrario, que é o que queriamos. Tivemos 3 ou 4 ocasións para poder marcar. Creo que ten que ser a actitude de todo o equipo durante todo o partido. Non pode ser que teñamos que ir perdendo 1-0 para que se vexa esa actitude".

Na súa opinión, o Dépor empeza mal os partidos por unha cuestión de "cabeza. Algo que nos atenaza e ata que non vemos que temos que ir a matar a envorcarnos non sacamos a nosa mellor versión. É algo que temos que mellorar, que temos que cambiar. Esta segunda parte pódenos dar confianza e ánimo para o partido que vén".

Opina que na segunda metade "foron os mellores minutos no que levamos de ano. A primeira parte non gañamos practicamente nin unha segunda xogada, nin un balón dividido. Iso falámolo ao descanso. Viuse un cambio e é a liña a seguir. Xogamos en campo rival durante toda a segunda parte, e é como debe ser o Deportivo".

Agora, Salva Ruiz pide en Fuenlabrada o vindeiro sábado 2 de novembro (16:00 horas, Movistar LaLiga) que "se vexa a mesma imaxe, a mesma actitude desta segunda parte. Facer bo este empate logrando os 3 puntos en Fuenlabrada".

A pesar do punto e as boas sensacións, o lateral deportivista lembra que "a situación non é boa. Nin moito menos. O equipo non está morto nin moito menos. Aínda temos ánimo e confianza para sacar isto adiante".

Autor de varias xogadas de mérito na segunda parte polo seu carril zurdo, advirte que "cando o equipo ataca, vai arriba, domina atópome bastante cómodo. Se a imaxe do equipo é esta eu podo aproveitar aos meus compañeiros, e os meus compañeiros máis a min".