RCD / NOVAS

Juan, o '9' do primeiro Dépor que gañou o Teresa Herrera, falece aos 87 anos

08/09/2017 19:57

Arsenio, Pahíño, Juan, Lechuga e Polo, a dianteira que gañou o primeiro Teresa Herrera do Dépor, en 1955

Juan López Fernández, o dianteiro centro do RC Deportivo que gañou o primeiro Teresa Herrera da súa historia, en 1955, faleceu onte xoves 7 de setembro aos 87 anos de idade.

Nacido o 30 de outubro de 1929 en Pobra do Caramiñal (A Coruña), 'O Negro', como era alcumado pola súa pel morena, estableceuse na capital da provincia cos seus pais cando aínda non cumprira o ano de idade. Tras xogar en equipos non federados como o Huracán ou o Amanacer, fichou polo Orzán e logo militou no Victoria. Máis tarde finalizaría a súa etapa no fútbol modesto nas filas do Español.

Tras probar sorte no Arosa, equipo co que debutou en Segunda División, e o Racing de Ferrol, recibiu a chamada do Málaga, de Primeira División. No conxunto andaluz militou tres temporadas (1952-1953 a 1954-1955), a segunda delas na categoría de prata, na que anotou 18 goles (11 en liga e 7 na liguiña de promoción).

No verán de 1955, tras o descenso do Málaga, recibiu a chamada do Deportivo. Un dos seus primeiros partidos foi a primeira participación branquiazul nun Trofeo Teresa Herrera, que ademais o Deportivo conquistaba por primeira vez ao derrotar ao Athletic por 2-1, cun 'gol de ouro' de Pahíño no minuto 130. Os branquiazuis, dirixidos por Rodrigo García Vizoso, formaron con: Otero; Rodolfo, Manín, Irusquieta; Botana, Juananco (Cuenca); Arsenio, Pahíño, Juan, Lechuga (Bazán) e Polo.

Sería a única temporada de Juan en Riazor, na que lle tocou vivir á sombra de dúas ases como Pahíño e Bazán. Aínda así, demostrou a súa valía nos 8 partidos (todos en Liga) nos que actuou, anotando 5 tantos.

Posteriormente, militaría no Xerez e no Eldense, ambos en Segunda División, e mesmo probou sorte máis aló das nosas fronteiras, no Sporting Espinho portugués.

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeros e a todo o deportivismo. DEP.