RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juanfran eloxia o traballo do equipo e Lucas fala de "merecida vitoria"

Juanfran e Lucas Pérez pasaron pola zona mixta do Estadio de Gran Canaria, unha vez certificado o triunfo deportivista ante a UD Las Palmas en partido pertencente á 10ª xornada de LaLiga Santander.

O lateral deportivista apunta que "fixemos un bo traballo como equipo. Defensivamente estivemos ben. Encaixamos un gol ao principio, que esa é a nosa materia pendente. Pero o equipo creu, sabía das súas posibilidades, sabía onde podía facerlle dano, sabía que se podía gañar. Fíxose fóra de casa e agora a película ten outra cor. A eles déixaslles moi tocados e nós afrontamos o partido contra o Atlético de Madrid con moitas esperanzas".

Advirte que "non se pode encaixar tan cedo. É a nosa materia pendente. Pero o equipo en Copa fixo un traballo fenomenal con dez xogadores. Sacou toda a coraxe que ten e puidemos empatar. Hoxe soubemos como facerlle dano. Sabiamos que debiamos mover o balón rápido dun lado a outro e por fóra podíaselle facer dano. Con Lucas arriba, márcache diferenza".

Conclúe Juanfran afirmando que "estamos moi contentos. Importante que o equipo siga, e que siga crecendo".

Pola súa banda, un dos goleadores deportivistas no Estadio de Gran Canaria, Lucas Pérez, subliñou que "necesitabamos a vitoria. Moi contento, esta é a senda. O equipo traballou moi ben. Despois de empezar 0-1 no minuto 7, reaccionamos moi ben. A segunda parte e nos seguintes 30 minutos da primeira parte estivemos moi ben e merecemos a vitoria. Fomos superiores".

O dianteiro coruñés explica que "estamos a tentar adaptarnos ao que nos pide o míster. Iso é o que facemos. O míster pediu presión arriba, ser máis agresivos arriba para tentar roubarlle. Las Palmas ten un fútbol moi alegre, que lle gusta sacar a pelota desde atrás. Tentamos que non a sacasen tan fácil".

Opina Lucas que "acabamos moito mellor a primeira parte que eles, viamos que lle podiamos facer moito dano e iso é o que fixemos. Vimos aquí a polos tres puntos, non viñamos especular se podiamos sacar un empate ou non. Viñamos dunha dinámica mala, á parte de perder 1-4 en Copa. E iso é o que necesitabamos, devolverlla e aparte gañando 3 puntos aquí e afastándonos da zona de descenso".