RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juanfran: "Seedorf non deixa que ninguén agache a cabeza"

Juanfran foi o protagonista na sala de prensa de Abegondo. O lateral deportivista admite que desde a súa chegada ao Deportivo "estamos ante a situación máis complicada aínda que todos os anos estivemos no arame. Este ano estamos metidos no pozo e normalmente sempre estabamos a estas alturas fóra ou moi preto de saír".

Iso si, asegura que "non nos podemos render. Hai que seguir". "Hai que seguir até o final, mentres os puntos non digan o contrario. Hai que seguir loitando para tentar saír de aí e salvar a categoría", engade.

Na súa opinión, "non soubemos dar coa tecla para saír desta situación. Hai que seguir buscándoa e pelexar. Quedan 9 partidos e por puntos pódese".

Preguntado por Clarence Seedorf, o lateral deportivista opina que "desde que estou no Deportivo pode ser o adestrador co que o cadro máis o está tentando, e máis está a traballar".

Apunta que "o factor psicolóxico trabállao de marabilla. É capaz de levantar ao equipo, facer que siga traballando. Respéctaselle moito por quen foi porque para min foi unha lenda futbolística. Desde o principio o equipo respectouno moito. Non deixa que ninguén agache a cabeza".

Recalca que "o equipo nos adestramentos baléirase pero non estamos a atopar o resultado. Ao final hai que seguir. Se seguimos ímolo a atopar e hai que tentar gañar ao Atlético de Madrid. Non queda outra".

Lembra o futbolista madrileño que "aínda que poida parecer que a nós non nos importa, as vitorias son a nosa vida. Levamos moito tempo sen facelo, facendo sufrir á afección con resultados negativos. Ao final faiche estar máis débil. Pero o adestrador nese aspecto traballa moi ben. Preocupouse moito en facernos crecer psicoloxicamente. Oxalá que lle chegue a primeira vitoria para tentar cambiar esta dinámica".

Cre Juanfran que "desde que veu Seedorf fortuna non tivemos sobre todo porque non conseguimos adiantarnos no marcador tendo oportunidades claras para iso. Despois de tres meses (sen gañar) non nos podemos agarrar ao termo da sorte ou non sorte. Si que é verdade que o equipo fai méritos para máis. O día das Palmas deberiamos gañar, o día do Eibar se non nos expulsan ao porteiro deberiamos gañar... Non nos podemos quedar co que podería pasar e non pasou. Hai que seguir tentándoo e tentar que non che metan ningún gol e as que teñas, metelas".