RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Juanfran: "Teño claro que son o culpable do partido de hoxe"

Juanfran compareceu na zona mixta do Estadio ABANCA-RIAZOR. Explicou a acción que finalizou co seu cartón vermello por dobre amarela: "Díxenlle 'Mateu (árbitro do encontro) é a primeira, igual para todos que antes hai unha acción e non sacas o cartón preto da área'. Dime 'vouche expulsar'. Quedeime parado. '¿Como me vas a expulsar por isto?' Botouse a man ao peto, sacoume a segunda. Díxenlle que me estaba afundindo a vida, que por isto non me podía expulsar, que estaba a botar o traballo dos meus compañeiros ao lixo".

Confirma ante a prensa que non houbo insultos nin malos xestos entre el e o árbitro, o valenciano Mateu Lahoz: "Tería sido vermella directa, non segunda amarela", aclara.

Iso si, apunta o lateral deportivista que "non me quero escusar. Non o tiña que facer. Non se pode repetir, non debería de pasar. Teño claro que son o culpable do partido de hoxe. Se estaba difícil de seu, púxeno imposible".

Subliña que "os meus compañeiros fixeron un gran esforzo. Ao final ese esforzo pagárono nos minutos finais. É culpa miña. Hai que asumir as consecuencias. Felicitar aos meus compañeiros porque creo que con dez tiveron opcións de empatar e é de eloxiar para eles". "Os meus compañeiros fixeron un esforzo extra pola miña culpa", insiste.

De cara ao futuro, promete Juanfran "seguir traballando como traballei até agora, dándoo todo. Cando teña que xogar xogarei, e se non teño que xogar, e teño que pagar as consecuencias, seguirei sendo o mesmo. Equivoqueime, teño que asumir as consecuencias. Aos meus compañeiros xa llo dixen. Dóeme por eles porque tiñamos moita ilusión, polo adestrador novo, estraguei o debut".

Toca, pois, para el "asumir as consecuencias e traballar para estar dispoñible para o adestrador na mellor forma posible, cando el o crea oportuno".