RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Kika e Michelle Romero regresaron esta tarde á Coruña e incorpóranse mañá aos adestramentos

As internacionais venezolanas Kika e Michelle Romero regresaron esta tarde á Coruña da concentración de Venezuela e incorpóranse mañá mércores aos adestramentos do Deportivo ABANCA, que xa prepara a seguinte cita ligueira, a visita ao FC Barcelona prevista para o sábado 17 de abril ás 12:00 no Estadio Johan Cruyff (Tededeporte). O choque corresponde á 26ª xornada na Primera Iberdrola.

As dúas atacantes branquiazuis participaron con Venezuela na Basque Country International Cup, o pasado domingo en Zubieta, torneo que se disputou baixo a modalidade de 'tres nun', con choques de 45 minutos de duración.

A outra representante deportivista na competición, neste caso coa selección de Euskadi, Peke, xa se adestra ás ordes de Manu Sánchez en Abegondo.

Kika e Michelle Romero xogaron ante Arxentina no partido que abriu o torneo. Caeron as venezolanas (0-1) no encontro pero impuxéronse na quenda de tres penaltis coas que finalizou cada choque (1-3). Kika anotou unha das penas máximas.

Finalmente, no Euskadi-Venezuela co que concluíu o trofeo, xogaron Michelle Romero e Kika, esta substituída no minuto 30. Houbo empate sen goles (0-0) e a selección de Euskadi foi a campioa.

Kika e Michelle Romero xa foron titulares ante Arxentina o pasado xoves

Dúas das seleccións participantes no torneo Basque Country International Women's Cup víronse o pasado xoves 8 as caras en Lezama nun partido de preparación.

Debido á ausencia a última hora da selección nixeriana, que reduciu o torneo a un triangular en formato 'tres nun', venezolanas e arxentinas decidiron disputar ese encontro amigable.

As deportivistas Kika e Michelle Romero foron titulares e xogaron completo un encontro que acabou sen goles (0-0). Ademais, Kika portou o brazalete de capitá do seleccionado venezolano.

Na citación de Venezuela para esta concentración estaba tamén a dianteira do Deportivo ABANCA Gabriela García 'Gaby', que quedou na Coruña debido a unha lesión muscular.