RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Koné rescata un punto para o Dépor en Fuenlabrada (1-1)

O Deportivo rescatou un punto no Fernando Torres de Fuenlabrada grazas á picardía de Mamadou Koné, autor na segunda metade do gol que equilibrou o tanto que na primeira lograra Hugo Fraile, cando os branquiazuis xogaban cun home menos mentres o corpo médico atendía a Javi Montero dun choque con Peru Nolaskoain.

O técnico deportivista, Luis César, introduciu unha soa modificación con relación ao once que presentou na pasada xornada en Santander fronte ao Real Racing Club. Ager Aketxe deixou o seu lugar a Saša Jovanović.

O primeiro cuarto de encontro desenvolveuse con dominio de posesión e territorial do cadro local, pero sen accións de ataque dignas de mención. O Fuenlabrada provocou un par de córneres que acabaron, na segunda xogada, en disparos moi desviados. Por parte deportivista, a bagaxe limitouse a un disparo lonxano e alto de Álex Bergantiños.

Superado o minuto 20, Peru Nolaskoain e Javi Montero saltaron a por un balón de cabeza, chocando nas alturas. O central andaluz tivo que saír para pechar a brecha pola que sangraba abundantemente.

Con Montero fóra do terreo de xogo, o Fuenlabrada aproveitou a conxuntura para adiantarse no terreo de xogo. Cristóbal buscou a Clavería, que cedeu cara atrás para Hugo Fraile. O extremo dereito local atopou un amplo espazo para cargar un duro disparo que se coou como un mísil na portería de Dani Giménez. Corría o minuto 26.

Aos 38 minutos, un disparo lonxano de Peru Nolaskoain se envelenou ao desvialo Clavería. O balón colleu unha parábola que estivo a piques de sorprender a Biel Ribas, que reaccionou a tempo para tocar o coiro o suficiente e desvialo a córner. Pouco antes, Iribas estivera a piques de facer o 2-0 nunha acción iniciada nun saque de banda no extremo esquerdo do ataque local.

Coa vitoria pola mínima do equipo madrileño chegouse ao descanso.

Os primeiros minutos da segunda metade mantiveron a mesma tónica que a primeira. O Fuenlabrada mandando e roldando a área coruñesa, pero sen apenas disparar á portería defendida por Dani Giménez.

No minuto 57, o Deportivo empatou o encontro, grazas a unha acción de pillería de Mamadou Koné, que lle roubou a carteira a Chico Flores após un pase picado con moito efecto de Christian Santos. O central calculou mal o bote e o dianteiro marfileño soubo esperar para anticiparse e tocar suavemente por encima de Biel Ribas para levar o esférico ao fondo das mallas.

O gol branquiazul foi practicamente todo o que sucedeu nunha segunda metade trabada, con infinidade de faltas, interrupcións no xogo e perdas de tempo, isto último sobre todo por parte dun Fuenlabrada ao que daba a impresión de que se lle estaba facendo moi longo o partido.

A pesar de gozar dunhas cantas faltas nas proximidades da área deportivista, o Fuenlabrada, gran especialista na materia pois anotou o 70 por cento dos seus goles a balón parado, non foi capaz sequera de rematar algunha delas debido ao bo facer da zaga branquiazul.

Con este empate, o sétimo en 14 xornadas, o Deportivo eleva a súa conta aos 10 puntos, cos que continúa na cola da clasificación de LaLiga SmartBank.

CF Fuenlabrada: Biel Ribas, Iribas, Chico Flores, José León, Glauder, Hugo Fraile, Cristóbal Márquez, Clavería, Anderson (Iván Salvador, min. 84), Oriol Riera (Jeisson, min. 62) e Nteka (Héctor, min. 78).

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Lampropoulos, Montero, Salva Ruiz, Álex Bergantiños, Peru Nolaskoain, Jovanović (Borja Galán, min. 79), Koné, Borja Valle (Mollejo, min. 62) e Longo (Christian Santos, min. 56).

Goles: 1-0 Hugo Fraile (min. 26); 1-1 Koné (min. 57).

Árbitro: Vicandi Garrido (c. vasco). Cartón amarelo a Bóveda (min. 65), Christian Santos (min. 66), Mollejo (min. 90) e Glauder (min. 90+3).

Incidencias: partido da 14ª xornada de LaLiga SmartBank disputado no Estadio Fernando Torres ante 5.083 espectadores.