RCD / NOVAS

LaLiga distingue ao delegado do Dépor, Barros Botana, pola súa labor esta temporada

23/05/2019 11:05

A liga de Fútbol Profesional distinguiu onte mércores en Madrid, nun acto presidido por Javier Tebas e Carlos Velasco Carballo, Presidente do Comité Técnico de Árbitros, ao delegado do RC Deportivo, Juan Ángel Barros Botana, pola súa labor durante a presente temporada.

Este galardón vén impulsado especialmente polos delegados do resto de equipos de Segunda División.

Xunto ao delegado deportivista, que leva 28 anos en activo, foron premiados Víctor Antequera (Real Betis) e Antonio Navarrete (Cádiz CF) como mellores delegados de LaLiga Santander e LaLiga 1|2|3 respectivamente. Ademais, premiouse o labor de Carlos Naval, que cumpre 32 temporadas no FC Barcelona; e José María Calzón, no Espanyol desde 1975.

Barros Botana é historia viva do deportivismo. Con el no banco, o Club cultivou os 6 títulos oficiais e suma case 1.600 partidos entre Liga, Copa do Rei, Copa da Uefa, Europa League e Champions League; ademais de amigables.

O seu debut produciuse nun Deportivo-Rayo Vallecano en ABANCA-RIAZOR da temporada 90-91. Gañou o Dépor (3-0) con Leonardo Esteban Díaz como colexiado.

Este é o terceiro galardón para Barros Botana, posto que xa foi premiado en dúas ocasións anteriores máis como mellor delegado da categoría.

Formado na arbitraxe, Barros Botana foi árbitro de Segunda División B e xuíz de liña de Primeira División.