RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lapeña desvela que o Depor traballa "pequenos detalles que poden suceder nos partidos do playoff para poder conseguir as vitorias"

Adrián Lapeña asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que "o equipo está con ganas de que chegue o playoff. Estamos a traballar pequenos detalles que durante o ano habemos ir facendo mal ou non do todo ben que nós queriamos para cando cheguen esas situacións neses partidos determinantes poder liquidalas da mellor maneira posible. Sobre todo traballando pequenos detalles que poden suceder nos partidos do playoff para poder conseguir as vitorias".

O defensor branquiazul apunta que o partido ante o CD Tudelano do pasado sábado en ABANCA-RIAZOR "serve para dúas cousas: para darche un toque de atención e saber que non che podes relaxar nin o máis mínimo porque calquera detalle che fai encaixar gol, e iso nun playoff pódeche mandar para casa; e logo para darche conta que nunha situación que che pos 3 veces en inferioridade ti tamén es capaz de remontar e iso animicamente tamén suma porque nos estamos preparando para os últimos dous partidos do playoff e tratar de chegar con solucións para situacións que se nos poidan dar".

Con motivo do partido deste sábado 21 de maio no Anexo ao Estadio José Zorrilla ante o Real Valladolid Promesas (Footters e Fuchs-Sports) admite que "levamos tempo con malos resultados fóra de ABANCA-RIAZOR e agora temos este último partido para resarcirnos un pouquiño deste último tramo de temporada fóra de casa, pero sobre todo para meter cousas á mochila en melloras, en poñer en práctica os detalles que estamos a tratar de mellorar nos adestramentos. Queremos levarnos esa última vitoria fóra de casa para chegar con boas sensacións".

Non atopa explicación a tantas semanas sen gañar lonxe da Coruña pero recalca que "cando xogas en ABANCA-RIAZOR séntesche máis seguro, máis arroupado por #ANOSAFORZA, mesmo podes sentirche máis esixido. Ao principio de temporada fóra de casa eramos un equipo moi fiable, gañador. Son dinámicas. Cando entras en dinámicas malas fóra de casa sobre todo custa gañar. Xa nos estaba custando tamén esta segunda volta gañar mesmo en ABANCA-RIAZOR. Creo que hai tempo que vimos cunha xeira boa de partidos, de puntos e iso é o que nos interesa no noso camiño, facelo ben para chegar nas mellores condicións ao playoff".

Lapeña recoñece que o feito de defender cara a adiante fai que en situacións de xogo directo "atópasche en situacións de desigualdade ou mesmo de inferioridade, pero iso son características do equipo. O míster pídenos que apertemos cara a adiante e el sabe que imos moitas veces en situacións emparelladas pero témolo asumido. Xogamos con ese risco e si que é ás veces máis complicado, pero vimos facéndoo todo o ano. Cando gañabamos parecía que era máis fácil, pero realmente ten bastante mérito o defender esas situacións en campo aberto, de xogo directo, de emparellamentos individuais. Non hai que darlle moitas máis voltas e mellorar eses pequenos detalles para tratar de levarnos o cento por cento dos duelos individuais porque iso nos vai a facer conseguir a pelota máis rapidamente para poder atacar, que é o que a nós nos gusta".

Subliña sobre as accións a balón parado que "o equipo se deu conta que nos pode dar puntos e mesmo nos pode valer un ascenso. O que tratamos de facer é aumentar esa concentración, esa agresividade nas xogadas de balón parado porque nos estabamos dando conta que eramos un equipo tamén moi válido para obter puntos a través dese tipo de xogadas".

Con tres cartóns amarelos na súa conta, conscientes de que un castigo por amoestación no último partido de liga cúmprese no playoff, o defensor deportivista desvela que "non nos paramos a pensar os cartóns que ten cada un. En función do que pase en Valladolid, o míster decidirá o que el crea conveniente no último partido para tratar de chegar con todos os xogadores posibles ao playoff, que é o que nos interesa".