RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lariño, xogador do Deportivo 'ascensor' da década dos 60, faleceu aos 79 anos

- Lariño, entre Aurre e Domínguez o día da celebración do ascenso de 1962 -

José Carlos Lariño Fernández, un dos compoñentes do Deportivo 'ascensor' dos anos 60 e pai dun dos actuais doutores do Club, faleceu aos 79 anos de idade hoxe xoves 31 de decembro.

Nacido o 27 de outubro de 1941 en Pontevedra, Lariño foi xogador deportivista durante seis temporadas (1961-1967). Na segunda delas, a 1962-1963, foi cedido ao Sporting de Gijón, pero regresou no mes de marzo para reforzar aos branquiazuis no tramo final do curso.

Fichado no verán de 1961 após destacar na Sociedad Cultural Deportiva Salcedo, conxunto da parroquia pontevedresa do mesmo nome, pronto se converteu nun alicerce do equipo que acabaría logrando o ascenso a Primeira División uns meses máis tarde. Aquela temporada, baixo as ordes de Juan Ochoa, a formación máis habitual do Deportivo foi a formada por Pampols; Pegaso, Aurre, Lariño; Manín, Domínguez; Valentín, Amancio, Veloso, Jaime Blanco e Gento II. A súa estrea oficial como branquiazul tivo lugar nada menos que nun derbi en Balaídos, correspondente á 4ª xornada do exercicio 1961-1962, celebrado o 24 de setembro de 1961, e que finalizou con empate (1-1) grazas a un postremeiro tanto do deportivista Revuelta.

A carreira de Lariño coa camiseta branquiazul estivo marcada, como as de tantos outros, por unha época na que o equipo ascendía e descendía en campañas consecutivas, sendo coñecido como o Deportivo 'ascensor'. Nas súas seis temporadas branquiazuis, Lariño celebrou tres ascensos a Primeira e chorou outros tantos descensos a Segunda. O último mal grolo foi na campaña 1966-1967, un curso no que apenas participou no equipo, xogando o seu último partido oficial como deportivista o 27 de novembro de 1966, en Riazor fronte ao Real Madrid (2-3). Aquel ano, a chegada do veterano internacional Campanal II e do catalán Gatell pechoulle as portas da titularidade, tanto con Enrique Orizaola no banco como máis tarde cando o técnico cántabro foi substituído por Dagoberto Moll.

- Formación do Deportivo no último partido de Lariño (segundo de pé) como branquiazul, o 27 de novembro de 1966 ante o Real Madrid -

O defensa pontevedrés xogou co Deportivo un total de 91 partidos, nos que marcou un só tanto, o 11 de marzo de 1962 en campo do Sanse, filial da Real Sociedad ao que o Deportivo venceu por 1-2 en partido da 27ª xornada de Segunda División. Lariño defendeu a camiseta branquiazul en Primeira (17 partidos), Segunda (56 e 1 gol), a maldita promoción co Levante UD en 1963 (2) e Copa (16).

Trala súa saída do Deportivo, Lariño asinou polo Real Valladolid, no que xogou dúas campañas en Segunda División (1967-1969), para regresar a Galicia ao fichar polo CD Ourense, co que disputou as súas dúas últimas temporadas en activo (1969-1971).

O velorio de Lariño ten lugar no tanatorio San Mauro, en Pontevedra (sala número 4).

O RC Deportivo desexa mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, ex compañeiros, a todo o deportivismo e en especial ao doutor Carlos Lariño, médico do Club desde 2007. DEP.