RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Longo e Koné dan ao Dépor o pase á segunda rolda copeira (0-2)

O Deportivo superou vitorioso a visita ao CF Illueca, conxunto do grupo aragonés de Terceira División, mercé a dous postremeiros tantos de Samuele Longo, ao transformar un penalti, e de Mamadou Koné, con menos dun minuto de diferenza entre ambos que lle valen a clasificación para a segunda eliminatoria da Copa do Rei.

O conxunto branquiazul converteuse hoxe luns 17 de decembro de 2019 no protagonista dun día histórico para o CF Illueca, un modesto equipo maño dunha localidade de 2.800 habitantes, hoxe presentes no campo Papa Luna case na súa totalidade. Familias enteiras, afeccionados de todas as idades non quixeron perdelo, ataviados moitos cunha bufanda conmemorativa coas cores dos dous equipos e a súa bandeira branquivermella repartidas para a ocasión.

Os zaragozanos, que marchan oitavos clasificados no grupo 17 de Terceira División, veñen de varios anos de progresión. A pasada temporada disputou como 2 de grupo o playoff de ascenso a Segunda División B, e o El Palo FC, un vello coñecido do Fabril, truncou a escalada do CF Illueca.

Luis César, técnico deportivista, realizou numerosas modificacións no once titular con respecto aos últimos partidos de LaLiga SmartBank. Debutou na portería Koke Vegas e o fabrilista Gandoy foi por primeira vez titular en partido oficial. Tamén se produciu o regreso de Salva Ruiz após sufrir unha lesión muscular nos isquiotibiais hai un mes.

O partido arrancou co lóxico dominio territorial deportivista. Luis César dispuxo a Beto da Silva e Christian Santos na punta de lanza, con Aketxe e Jovanović polas ás. O mediocentro foi nesta ocasión para Álex Bergantiños e Gandoy.

O Dépor comezou a merodear a área de Mario con centros laterais. Iso si, o Illueca tampouco perdeu de vista á área de Koke e mesmo tivo un par de remates que levaron o delirio á afección local.

Jovanović, que recibía constantemente ás costas da zaga local, tivo a primeira oportunidade clara ao recibir un gran pase de Montero. O serbio tentou regatear á meta Mario e o balón perdeuse pola liña de fondo.

Ao descanso chegouse sen goles e cun último arreón local, traducido en varios saques de esquina contra a área deportivista.

A segunda parte arrancou sen cambios nas dúas formacións e coa mesma tónica de partido.

O primeiro en xutar a porta foi o Illueca por mediación do seu capitán Morales, pero o seu chute detívoo con seguridade Koke.

A réplica foi para Gandoy no 55, pero o seu disparo desde a frontal saíu moi alto.

Gimeno puido marcar pouco despois pero o seu tiro raso desde a frontal sacouno Koke in extremis.

O delirio chegou no minuto 60. Após un saque de esquina, o balón cae no balcón da área a Suárez, que cruza lonxe do alcance de Koke. O colexiado Sagués Oscoz anula o tanto por fóra de xogo dun futbolista zaragozano na área pequena.

Luis César tratou de reactivar ao Dépor coa entrada de Mollejo e Longo por Beto e Jovanović.

E os branquiazuis, hoxe coa camiseta da bandeira galega, trenzaron as mellores xogadas do partido.

O Deportivo lánzase a polo partido coa entrada de Koné, que releva a Aketxe no último cuarto de hora.

A meta Mario salva ao seu equipo após unha gran cabezada de Montero. O CF Illueca vaise quedando sen forzas e perde de vista a Koke.

Koné no segundo pau e libre de marca non chega por pouco a un centro raso de Longo.

O partido decidiuse en apenas un minuto. Abriu o marcador un penalti por man clara na área do Illueca que Longo transformou e un segundo gol en acción individual de Koné, posteriormente expulsado.

Os tantos acabaron coa euforia da bancada e o Dépor xa está na segunda eliminatoria, que se xogará a mediados do próximo mes de xaneiro.

CF Illueca: Mario, Pinto, Escolar (Suso, min. 86), Sacasa, Jorge, Karol, Suárez, Gimeno (Álvaro, min. 66), Morales, Cavero e Gracia Pena (Gorri, min. 71).

RC Deportivo: Koke Vegas, Bóveda, Somma, Montero, Salva Ruiz, Jovanović (Longo, min. 61), Álex Bergantiños, Gandoy, Aketxe (Koné, min. 77), Beto da Silva (Mollejo, min. 61) e Christian Santos.

Goles: 0-1 Longo, de penalti (min. 84); 0-2 Koné (min. 85).

Árbitro: Sagués Oscoz (c. vasco). Expulsou a Koné (min. 90+1) por dobre amoestación. Cartón amarelo a Montero (min. 7), Gandoy (min. 26), Jovanović (min. 48), Bóveda (min. 75), Suárez (min. 78), Jorge (min. 84) e Koné (min. 86).

Incidencias: partido da 1ª eliminatoria da Copa do Rei disputado no Estadio Papa Luna de Illueca (Zaragoza) ante uns 1.500 espectadores.