RCD / NOVAS

Loureda, un dos poucos futbolistas que defendeu ao Dépor durante toda a súa carreira, falece aos 75 anos de idade

30/06/2017 20:45

Manuel Loureda Calvete, un dos poucos futbolistas que militou durante toda a súa carreira profesional nas filas do RC Deportivo, faleceu esta tarde na Coruña, aos 75 anos de idade.

Nacido na Coruña o 11 de novembro de 1941, Loureda formouse nas filas do Sporting Coruñés, antes de recalar no Fabril, en 1960, da man de Rodrigo García Vizoso. Aínda que xa xogou a eliminatoria (non oficial) para dilucidar o campión de Segunda División da Temporada 1961-1962 (entón estaba composta por dous grupos), dúas tempadas máis tarde deu o salto definitivo ao primeiro equipo, co que debutou oficialmente o 22 de setembro de 1962, ás ordes de Enrique Rabassa, ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu. Era a 2ª xornada do Campionato de Primeira División da Temporada 1962-1963. O equipo local impúxose por 2-1, remontando o tanto inicial do deportivista Anton Ruiz, precisamente cedido polo conxunto branco como parte do traspaso de Amancio.

Loureda foi peza crave do equipo branquiazul durante 12 campañas, nas que viviu nada menos que catro ascensos a Primeira División. No primeiro deles, na Temporada 1963-1964, foi o autor material do tanto que valeu o ascenso matemático, o da vitoria por 2-1 ante o Celta en Riazor, na antepenúltima xornada.

Por contra, Loureda viviu cinco descensos a Segunda División. E a estes hai que engadir un máis, a dramática caída a Terceira á conclusión do curso 1973-1974, na súa última temporada como futbolista en activo. O seu derradeiro partido vestindo a elástica branquiazul foi precisamente no que se produciu o descenso á categoría de bronce. Na 36ª xornada, o Deportivo certificaba o seu descenso tras caer por 2-1 ante o Mallorca no Luis Sitjar.

Loureda, a piques de cumprir 33 anos, decidiu colgar as botas tras vestir única e exclusivamente a camiseta branquiazul, deixando atrás 319 partidos oficiais. Esta cifra converte ao futbolista coruñés no décimotercer xogador que máis encontros vestiu a camiseta branquiazul. As súas aparicións co Deportivo divídense en 152 encontros en Primeira División, 134 en Segunda e 33 en Copa.

Malia non ser un dianteiro nato, pois actuou principalmente como extremo ou interior dereito, Loureda asinou 61 goles para o Deportivo, que o converten no décimosexto máximo anotador da historia do Club. Cabe destacar que por detrás de Loureda atópanse grandes dianteiros centro como Pahíño (49), Beci (47), Pandiani (47), Claudio (45) ou Elícegui (37).

Podes repasar a traxectoria de Loureda en fotos en ReCorDos

Ademais, durante moitos anos foi o xogador deportivista con máis Trofeos Teresa Herrera no seu haber, ao vencer tres dos catro primeiros que conquistou o equipo branquiazul. Loureda formou parte do once deportivista nas vitorias ante Benfica (1962), Sporting de Lisboa (1964) e Nacional de Montevideo (1969), último éxito branquiazul ata a conquista da L edición, en 1995.

O RC Deportivo quere mostrar o seu máis sentido e sincero pésame a familiares, amigos, excompañeros e a todo o deportivismo. DEP.