RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucas apela "á intensidade, estar comprometidos, traballar en equipo"

Lucas Pérez foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. A palabra 'traballo' saíu unha e outra vez dos beizos do dianteiro deportivista en resposta ás preguntas dos diferentes medios de comunicación sobre a situación que atravesa o Deportivo.

Así, sostén que a maneira de remediar os "erros que estamos a cometer todos é con traballo. O que hai que facer é traballar, facer o que nos pide o míster. É a única maneira como entendo o fútbol, traballar, mellorar tácticamente, mellorar como colectivo".

Recalca que o fútbol é un deporte de equipo no que "todos nos debemos de apoiar, debemos arrimar o ombreiro para cando o míster che necesite".

Pide tamén "centrarse en nós" e esquecerse do resto de rivais que pelexan pola permanencia: "Van 14 xornadas, queda moita liga. Temos que tentar remediar os erros que estamos a ter e mellorar desde xa. Non debemos mirar se gañaron os de abaixo ou se perderon. O que temos que facer é puntuar nós. Se os de abaixo gañan ou perden e nós non facemos o noso traballo, non vale de nada. Hai que traballar empezando xa desde este sábado".

A pesar dos últimos tropezos, asegura Lucas Pérez que o vestiario deportivista "está convencido de que ten calidade, potencial dabondo. Sabemos que podemos competir como o está facendo neste caso o Leganés e outros equipos. O que temos que facer é mentalizarnos, confiar, traballar e confiar en nós mesmos. Co traballo e a confianza, todo chega na vida".

Para lograr as vitorias, advirte que "non coñezo outra maneira que non sexa traballar, intensidade, estar comprometido, traballar para o equipo. Temos que vir cada día, adestrar e afrontar o partido do Leganés co que o míster nos pide, porque vai ser o mellor para o equipo".

Preguntado pola importancia do partido deste sábado 9 de decembro no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o CD Leganés (18:30 horas, Bein LaLiga), na 15ª xornada de LaLiga Santander, após o cal o calendario deparará ao Dépor rivais como Barcelona, Celta, Villarreal ou Valencia, Lucas opina que "imos xogar contra todos os equipos. Non podemos elixir contra quen queremos xogar nin en que momento queremos xogar. Vénnos un partido moi difícil. Pero vénnos en casa, diante da nosa afección, o mellor escenario para conseguir unha vitoria e poder remontar, ir para arriba. E empezar a boa dinámica, que é o que todo o mundo quere, necesita".