RCD / NOVAS

Lucas Pérez regresa ao Deportivo cedido polo Arsenal

31/08/2017 20:00

Lucas Pérez Martínez (A Coruña, 10 de setembro de 1988) xogará esta temporada no RC Deportivo, en condición de cedido sen opción de compra.

O dianteiro coruñés aterrará no Aeroporto da Coruña esta noite, ás 23:30 horas.

Traspasado ao Arsenal londiniense hai xustamente un ano, Lucas regresa ao Deportivo, no que cumprirá a súa terceira etapa.

O futbolista herculino chegou ao Deportivo cedido polo PAOK grego na temporada 2014-2015, na que as lesións lle impediron ter continuidade. Aínda así, disputou 21 partidos, nos que anotou 6 goles.

No verán de 2015, Lucas regresou ao PAOK, co que chegou a disputar a fase previa da Europa League. Coa liga a piques de comezar, o Dépor fíxose cos seus servizos e gozou da mellor temporada da súa carreira, a 2015-2016, na que asinou 17 goles en 37 partidos, vitais para a folgada permanencia deportivista en Primeira División.

Lucas comezou o curso 2016-2017 na Coruña, anotando o tanto da vitoria ante o Eibar na 1ª xornada. Poucos días despois foi fichado polo Arsenal.

En total, Lucas xogou 59 partidos (58 en Primeira División e 1 en Copa do Rei) co Deportivo, nos que anotou 24 tantos (todos en Primeira).

O RC Deportivo quere dar as grazas aos profesionais do Arsenal FC que traballaron cos seus homólogos branquiazuis durante os últimos días para conseguir que Lucas volva vestir de branquiazul na recentemente comezada campaña.

Máis novas de: LUCAS PÉREZ