RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Lucas, satisfeito por dar o sábado ''un paso máis para a salvación''

  Lucas Pérez compareció esta mañana ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo. O pichichi deportivista, cuxo remate significó o segundo e definitivo gol ante o Levante o pasado sábado, manif

Recoñece o dianteiro coruñés que "tivemos mellores partidos en casa e empatámolos. Isto é o fútbol. Non só porque xogues ben significa que vas gañar. Tes máis porcentaxe xogando ben de gañar pero o outro día ante o Levante foi máis ben todo o contrario".

Asegura que o vestiario está "a gozar do tres puntos. Tranquilos esta semana, que agora hai o parón das seleccións, e aproveitando para ver aos nosos compañeiros nas seleccións. A semana que vén pensar no derbi".
 
Resta importancia ao feito de que o colexiado do partido, Vicandi Garrido, outorgase o segundo gol á meta levantinista Diego Mariño, en propia meta: "Pensaba que dera no pau e entraba. Pero non foi así. Para iso están as cámaras. O importante é que o Deportivo gañou".
 
Sobre o derbi ante o Celta do sábado 2 de abril ás 22.05 (TVE) en Balaídos, opina Lucas que "o Celta leva facendo un bo ano. Leva facendo bo fútbol. Agora mesmo imos todos ao derbi gañando os dous. Pero nos derbis, aínda que un xogue mellor que o outro, estea na clasificación mellor que o outro, un derbi é completamente diferente. Vívese doutra maneira, exponse os partidos doutra maneira e nunca sabes o que che pode pasar. Eu penso que vai ser un bonito partido".
 
Nesta liña, subliña que o equipo céltico "está a facer un gran ano, ten moi bos futbolistas. É un candidato a clasificarse para Europa. Cando viñeron a Riazor estaban a facer un bo fútbol e logramos gañar cun 2-0, e penso que xogando bastante ben. Nós imos a Vigo coa mentalidade de gañar, de facer un gran partido e sacar o derbi, que é o importante, e sumar puntos para sacar a permanencia canto antes".
 
Desexa sobre todo o artilleiro coruñés gañar en Vigo "para que a clasificación diga que o Deportivo está matematicamente salvado e poder quitarnos ese peso de encima e gozar do que queda de Liga sen esa presión que tiñamos o ano pasado".
 
Do parón desta semana na liga, que chegou xusto tras o triunfo ante o Levante, di Lucas que é "porque hai seleccións, é algo que sempre funcionou así. O calendario está feito desta maneira. Tanto eu como os meus compañeiros sempre preferimos xogar cada semana, que os partidos sexan canto antes porque nos gusta competir. Pero é así o calendario e hai que adaptarse".