RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Lucas: "Sentímolo moito pola imaxe do equipo nesta primeira volta"

Lucas Pérez pediu esta mañá, na sala de prensa de Abegondo, desculpas ao deportivismo: "Á xente dicirlle que o sentimos moito pola imaxe que deu o equipo nesta primeira volta. Estamos a tentalo solucionar". "Entre todos xuntos, con unión, é como se consegue", engade.

Fixo a seguinte valoración desta primeira parte do campionato: "Mala. Non hai outra maneira. Non están a saír as cousas como todos esperabamos. Temos que mellorar moito non, moitísimo para evitar o descenso".

A nivel particular a súa valoración tamén é "mala. Non estou contento a nivel persoal nin a nivel colectivo. Ningún dos compañeiros tampouco está contento. Isto é un traballo de 11 no campo, de 25 todos os días, e hai que seguir. Non vale de nada que un estea ben e que o equipo perda".

Comprende o malestar do afeccionado, que "ve que o equipo non vai. Están as cousas mal. É lóxico que eles estean desa maneira. Enténdoos porque o primeiro afeccionado ao fútbol son eu. Estaría desgustado".

Lamenta que a xente "non saiba o que hai dentro. Sei a capacidade que ten o equipo, sei a capacidade que teñen os meus compañeiros".

É máis, insiste en que "temos moita confianza en nós mesmos porque o vemos cada día no adestramento. O que pasa é que os detalles... O outro día fallou neste caso Rubén antes do descanso cando mereciamos ir 0-0. Nos primeiros 20 minutos o Deportivo está moi ben para poñerse por diante. Póñesche por diante e o partido encáralo doutra maneira. Pero así pasou noutros partidos. Son detalles que nos minguan, a confianza báixache".

Confesa Lucas que "dentro a xente tamén sofre. Ninguén quere fallar, ninguén quere xogar mal. Non coñezo a ningún compañeiro na miña carreira que saíse a perder, a fallar".

Lembra o goleador deportivista que "queda unha volta enteira. O que temos que facer é apoiarnos. Todos unidos é como se sae".

A súa receita, como repite unha e outra vez en cada comparecencia ante os medios de comunicación, é o traballo para evitar os erros: "Con traballo, sendo máis traballadores, no sentido de tentar mellorar nos adestramentos, querer, vontade, actitude. É así como educáronme".

Preguntado polos culpables da situación na táboa, Lucas cre que "somos todos. A nivel individual cada un ten a súa parte de culpa. Dános rabia que despois de ver o partido na túa casa (do pasado sábado ante o Valencia) por dous erros individuais esteamos como estamos. O fútbol é así de caprichoso porque se entra a de Borges no traveseiro o fútbol cambia. Así podemos ver moitos partidos, que se nos poñemos por diante, esa pouca sorte que o fútbol ás veces quítache, é onde se nos escaparon moitos puntos".

Do encontro ante o Real Madrid no Santiago Bernabéu, previsto para este domingo 21 de xaneiro ás 16:15 horas (Bein LaLiga), cre que é "moi difícil. Xogas contra os mellores xogadores do mundo, contra un dos mellores equipos do mundo".

Iso si, lembra que no feudo madridista "puntuaron equipos da nosa liga, como se adoita dicir. Temos que ir ao Bernabéu a tentar gañar, puntuar, sacar algo positivo".